parlamento galego

Olalla Rodil: “É unha vergoña que o director da CRTVG diga que en dez anos a televisión pública galega non a verá ninguén"

Olalla Rodil
Olalla Rodil
A viceportavoz do BNG recrimina que á fronte da compañía siga alguén “esgotado e sen proxecto” e esixe a estabilización do cadro de persoal    

“Parécenos lamentable e unha vergoña que a persoa que está á fronte da corporación da radio e a televisión pública de Galiza se atreva a dicir no Parlamento que dentro de 10 anos, no ano 2030, a televisión pública do noso país non a vai ver ninguén”. Con esta rotundidade cualifica a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, o pronunciamento do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, na Comisión Permanente de Control do ente público na Cámara, onde presentou a memoria 2019 da compañía.

Rodil, que ve “un director xeral da CRTVG derrotado e completamente esgotado”, considera inadmisible que á fronte da corporación “estea unha persoa sen proxecto, sen ganas para sacar adiante toda a potencialidade que temos en Galiza na produción audiovisual, na creación cultural e, sobre todo, o talento e toda a capacidade que hai entre o cadro de persoal da radio e da televisión públicas do país”.

Neste sentido, a viceportavoz recrimina “a vulneración de dereitos, a manipulación informativa e a coacción” que levan soportando 11 anos as e os traballadores da compañía e esixe a apertura dun proceso de negociación para a estabilización e consolidación do cadro de persoal.

Rodil tamén afea o incumprimento legal sistemático da creación da Autoridade audiovisual como órgano de control externo do ente público e reclama que os contratos programa sirvan para desenvolver e concretar en todas e cada unha das canles os obxectivos da función de servizo público encomendados á CRTVG. De igual xeito, reprocha que a galega “sexa practicamente a única corporación pública que non conta nin cun estatuto profesional nin cun consello de informativos no Estado e en Europa”. 

A deputada nacionalista reitera que o PP tamén está a sortear o cumprimento da lei ao manter a dirección xeral actual, cun subterfuxio legal polo que se prorroga a súa continuidade sen que sexa elixida por, cando menos, tres quintos do Parlamento galego. “Antes de ter que poñer a alguén que non lle faga de correa de transmisión desde a Xunta a San Marcos, decidiu que non vai cumprir a lei; para que se pode cambiala”, subliña.   

En todo caso, Rodil reitera a firme convicción do BNG no futuro da compañía se esta “se pon ao servizo de quen paga cada ano máis de 100 anos para sostela, os galegos e as galegas”, para o que, segundo dixo, “é preciso quitarlle ‘o mando da tele’ ao señor Sánchez Izquierdo, ao señor Feixóo, e devolverllo á cidadanía deste país”.
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG