Tras a comparecencia do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo para informar da xestión da Corporación no ano 2018, a deputada do BNG, Olalla Rodil volveu a reivindicar “o Estatuto profesional e un Consello de informativos para a participación e democratización da Corporación da radio e televisión públicas”.
O que estou defendendo, dixo a nacionalista, responde a que levamos 8 anos agardando por unha ferramenta que non se puxo en marcha en Galiza, sen embargo, “existe na maior parte das corporacións de medios públicos na contorna do noso país”.
Por outra parte, Rodil preguntou pola “escasísima audiencia da segunda canle” así como pola programación destinada ás persoas máis novas. Na súa intervención manifestou que a radio e televisión de Galiza cumpre cunha función divulgadora da cultura e lingua galega polo que é necesario captar público de diversos segmentos cara este obxectivo.
A deputada non escatimou críticas á afirmación de que “o cinema en galego non funciona”, e referiuse concretamente á programación da TVE na segunda canle, a TV2, que este ano volveu a emitir cine clásico acadando cotas de pantalla do 12%. O mandato marco obriga a adecuar os contidos e programación a audiencia potencial pero si filmes premiados que gozan de grande prestixio son emitidos na TVG as 12:15 da madrugada, dificilmente a proxección alcanzará máis dun “ridículo” 0,47% ou un 3%. “Hai que buscar os públicos porque están aí” e queren poder ver cinema na televisión galega.
A deputada, vestida coa camiseta negra co lema “defende a galega”, lembrou as mobilizacións dos traballadores e traballadoras durante o último ano reclamando o Estatuto profesional e o Consello de informativos.
DEBATES ELECTORAIS A HORAS INADECUADAS
Na mesma comisión, a deputada formulou unha pregunta relativa á audiencia na emisión dos recentes debates electorais. Despois de varios procesos electorais nos últimos meses, eleccións xerais, municipais e europeas, ao contrario do que aconteceu na TV3 e a televisión pública de Euskadi, a Televisión galega decidiu inxerir en horario de mañá, a partir das 10.15hs no programa Bos días, os debates electorais que posteriormente eran reemitidos ás 22:45 na segunda canle, a diferencia doutras televisións públicas que decidiron emitir os debate en horario Prime time.
Dende o BNG consideramos que a decisión da CRTVG non garantiu a súa “misión de servizo público” como recolle a propia lei para adecuar os seus horarios e programacións a súa audiencia potencial. Está claro, recalcou a deputada do BNG que nesta ocasión, o horario escollido non correspondeu a este principio e solicitou os datos de audiencia recollidos tras a emisión dos debates electorais tamén na redifusión na segunda canle a partir das 22:45hs.
Rodil salientou que non é a primeira vez que algo así acontece e lembrou que a emisión dos debates municipais do ano 2015 foron emitidos só na TVG2 a partir das 22:45hs polo que solicitou os datos de audiencia se rexistrados nos mesmos días da emisión dos debates electorais de programas en Prime time. A cidadanía, afirmou, “ ten dereito a coñecer e contrastar o debate de ideas para conformar unha opinión sobre os diferentes procesos electorais” e preguntou se a TVG ten previsto mudar cara o futuro. Quero pensar, dixo, que nas vindeiras eleccións ao Parlamento galego esta situación mude e a cobertura sexa semellante a do ano 2016.
Pola súa parte, o director xeral da CRTVG trasladou por escrito os datos de audiencia solicitados pola deputada do BNG que reafirmaron as peores previsións de Rodil ao comprobar que a audiencia moveuse nunha forquilla entre o 0,6% e o 5,8% na TVG1 dos días 13 ao 22 maio e 0,1% ao 0,4% na TVG2 fronte 17,5% de programas emitidos en Prime time.