A cabeza de lista do BNG ao parlamento galego, Olalla Rodil, presentou as propostas do BNG no eido da política social e de benestar. Rodil anunciou que o BNG, a partir do 18 de febreiro, creará un Servizo Galego do Benestar, "un sistema de xestión público, similar ao SERGAS, que garanta o acceso de toda a poboación aos servizos sociais". A proposta do BNG contempla a creación dun só ente público que xestione as residencias de maiores, os servizos de axuda no fogar e os centros para persoas con discapacidade.
“O envellecemento poboacional de Galiza supón un reto que debemos afrontar, nunca un problema”, explicou a candidata do BNG, que engadiu “o goberno de Galiza ten que garantir o dereito a envellecer no propio fogar coas mellores condicións de vida posibles”.
Actualmente, a poboación galega é unha das poboacións máis lonxevas do mundo, desde o BNG poñerase a disposición de todas as persoas maiores unha rede de servizos públicos fortes que permitan envellecer nas casas, xunto cun programa de prevención da dependencia e de promoción da autonomía persoal, “garantindo a calidade de vida a todas as nosas persoas maiores", afirmou Olalla Rodil.
A proposta do Servizo Galego do Benestar contempla a creación dun só ente público que xestione as residencias de maiores, os servizos de axuda no fogar e os centros para persoas con discapacidade.
Ademais, propón reformular o modelo do Servizo de Axuda no Fogar, de forma que se poida prestar este servizo ao maior número de persoas maiores en situación de dependencia garantindo criterios xerais na prestación do servizo, xunto cun novo Impulso dun novo modelo de residencias baseado na Proposición de lei galega de residencias elaborada polo BNG na presente lexislatura, que garanta unha xestión centrada nas persoas e cunha rede pública ampla.
O BNG ampliará tamén a rede de centros de día públicos priorizando a súa implantación nos concellos que actualmente non dispoñen deste servizo e aqueles nos que existe maior demanda, garantindo un enfoque preventivo da dependencia e promoverán un envellecemento saudable ademais de sinerxias interxeracionais. Ademais, crearanse novos centros de noite ou opcións non institucionalizadas de vivenda compartida para aquelas persoas que non desexen pasar a noite en soidade e ampliarase a implantación de teleasistencia básica e avanzada como mecanismo de monitorización dirixido, especialmente, á poboación que vive soa.