Olalla Rodil, cabeza de lista do BNG por Lugo, xunto coa número 3 da candidatura, Montse Valcárcel e cargos orgánicos e institucionais do BNG, achegouse ata O Valadouro para asistir á V Feira de Razas Autóctonas, organizada pola Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega "Puraga", onde anunciou as iniciativas do BNG para o patrimonio natural e a biodiversidade. Olalla Rodil explicou que "desde o BNG aplicamos os principios de protección ambiental, precaución e prevención do cambio climático como liñas chave para as nosas propostas a respecto do medio natural e da conservación das nosas razas autóctonas".
Segundo Olalla Rodil, "o PP desde a Xunta de Galiza promoveu nos últimos anos varias reformas legais que crean unha auténtica barra libre para os grandes proxectos depredadores do territorio". A lexislación actual facilita a aprobación destes proxectos pasando por riba dos intereses dos concellos e das persoas propietarias e constitúen unha gravísima ameaza para hábitats e especies que deberían gozar da máxima protección por estar declarados de interese comunitario e de interese prioritario.
"O medio natural do noso país está a padecer un continuado deterioro que é urxente reverter, xa que a súa conservación e protección do ten indubidábeis beneficios ecolóxicos, sociais, para a saúde e para a prevención do cambio climático" declarou Olalla Rodil, que engadiu "ten ademais grandes potencialidades económicas se impulsamos desde a Xunta de GAliza un desenvolvemento racional, responsábel e respectuoso co territorio e as comunidades locais".
No refererente ao cabalo galego, Rodil anunciou un plan de protección e recuperación elaborado desde o punto de vista históricon etnográficon cultural, social e económico, que atenda ao seu importante papel na preservación de hábitats de interese prioritario. "Ademais, traballaremos na creación dunha rede de centros de recuperación da fauna salvaxe, e aumentaremos a formación a respecto desta fauna e do benestar animal".