A deputada do BNG, Olalla Rodil manifestou a súa satisfacción polo resultado da ponencia sobre a Proposición de lei que reforma a Lei de galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero que a través de diferentes propostas acadou un texto “enriquecido e mellorado”.
Neste sentido, lembrou que foi o BNG o que propuxo facer “xustiza” coas mulleres ás que as súas parellas ou ex-parellas asasinaron aos seus fillos e fillas e a partir de hoxe, serán consideradas “vítimas de violencia machista e con carácter retroactivo”.
O vindeiro día 13 será aprobada a lei en sesión plenaria e dende o BNG, dixo, queremos destacar tres aspectos do texto que son o cerne da Lei. Por unha parte, a propia definición de violencia viaria, “máis ampla e completa”. O termo “homicidio como asasinato ou calquera outra forma de violencia exercida sobre as fillas ou fillos da muller, así como sobre calquera outra persoa estreitamente unida a ela, coa finalidade de causarlle o maior dano psicolóxico, por parte de quen sexa ou fose o seu cónxuxe ou por quen mantivo con ela unha relación análoga de afectividade aínda sen convivencia.”
En segundo lugar, incorpora unha nova forma de “acreditación da violencia vicaria como forma de violencia machista”, e finalmente mantendo a “retroactividade” desta nova acreditación.
Ninguha muller debe escoller entre ser nai ou científica
Por outra parte, na mesma comisión de Sanidade tamén prosperou o texto para garantir a igualdade real entre mulleres e homes no ámbito universitario e da investigación.
Tras agradecer ás investigadoras e científicas do grupo de traballo de igualdade de InvestiGal porque unha parte enorme da lei é súa, a nacionalista engadiu que a lei tiña como obxectivo “garantir que ningunha muller teña que escoller entre ser nai ou científica” e que en ningún caso, ningunha muller, nin home que decida ter crianzas vexa penalizada ou condicionada a súa carreira investigadora. Na actualidade 9 de cada 10 excedencias ou reducións de xornadas por coidados son asumidas por mulleres.
Cremos, sinceramente, que o texto que hoxe debatemos –coas mudanzas que se introduciron durante os traballos da ponencia-- cumpre con ese obxectivo e mesmo foi enriquecido coas achegas dos demais grupos, dixo.
De feito, recalcou Rodil, ampliamos os supostos nos que debe computarse o tempo de inactividade a: “permiso de maternidade, paternidade, garda con fins de adopción ou acollemento, risco durante o embarazo e/ou lactación e incapacidade temporal asociada ao embarazo ou por razóns de violencia de xénero ou calquera tipo de acoso”
Con esta lei, “Galiza dá un salto adiante de xiganta” porque non existe ningunha lei no Estado español nin na Unión Europea, que recolla os supostos de maneira tan específica, concreta e con tanta claridade.
Rodil destacou que a parte máis importante e novidosa é, sen dúbida a introdución deses mecanismos correctores nas convocatorias, pero a lei vai máis alá e amplía á Lei de igualdade, co “impulso” da perspectiva de xénero na universidade e na investigación (o 70% da produción científica ten lugar na universidade).
Ademais, a lei tamén recolle o pulo da creación de Cátedras sobre cuestións de xénero e o apoio á participación das mulleres nos órganos colexiados e na toma de decisións, nas comisións de selección e avaliación e nos comités de persoas expertas.
“Hoxe iniciamos os trámites finais para a aprobación definitiva desta Lei, que para nós seguirá sendo a Lei Ángeles Alvariño aínda que a exposición de motivos xa non figuren referencias a esta oceanógrafa galega e mundial”, concluíu.