Olalla Rodil: “os debates electorais da CRTVG ‘non os ve nin Cristo’ porque se emiten ás 10 da mañá"

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Afirmou que a emisión nesa franxa horaria furta o dereito da sociedade  á información   sobre  os proxectos e propostas das forzas políticas  para as cidades  

Critica unha  cobertura  informativa, que dedica máis tempo  a estrema dereita española, sen representación en Galiza que Alternativa dos veciños que goberna  Oleiros con maioría absoluta

A deputada do BNG Olalla Rodil criticou a decisión da radio e televisión de Galiza de emitir os debates electorais ás 10 de mañá, horario, dixo, no que non os ve “nin Cristo” porque a xente ten o vicio de traballar a esa hora, os que afortunadamente, apostilou, “teñan traballo”.

A través dunha pregunta parlamentaria ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo sobre a cobertura das eleccións municipais da Corporación Radio Televisión de Galiza, a nacionalista mostrouse moi critica cos horarios, unha cuestión, dixo, que dende o BNG xa trouxemos no ano 2019 por constituír “a negación dun dereito do conxunto da cidadanía a seren informada”.

A nacionalista explicou que os debates electorais son emitidos ás 10 da mañá en días laborables, simultaneamente na radio e na TV, “fóra do horario de máxima audiencia e ao contrario do que esixe a misión de servizo público da CRTVG que ten un mandato claro nesta liña: buscar o horario que permita chegar ao maior número de persoas”.

Rodil asegurou que a audiencia dos debates sitúase nun 8,9 de share. “En  en Vigo, a cidade máis grande de Galiza con 300.000 habitantes a audiencia foi de 11 mil persoas, Coruña, 14.000, Ourense 12 mil e Pontevedra, 8 mil”.

O 19 de maio, continuou relatando a deputada, o día do  debate de Lugo emitiuse ás 13h o programa “Estache Boi”  no que cociñaron  lagostinos con polo e viron o programa “51.000 persoas”. Esta é a diferencia de encaixar un debate ou un programa a unha hora na que “non hai ninguén vendo a tele ou todo o contrario”. Os debates deben ser protagonistas do prime time e xa sabemos, dixo, Rodil que a mellor hora é ás 10 ou 10.30 da noite, cando a xente pode velos.

Os debates electorais deben  garantir  á cidadanía o contrastes  de  ideas, proxectos e propostas políticas  pero dende a CRTVG, este dereito non é respectado e nin sequera lle deu un espazo apropiado no estudio multimedia, nin se usou unha escenografía diferenciada, nin atril e  este ano, mesmo,  o xornalista-moderador xa ía até como de diario: cos auriculares, mirando para abaixo.

Mentres na CRTVG reina a  “desgana absoluta e a  desidia total” , os espazos electorais   nas canles autonómicas EiTB e TV3, ocupan un lugar  destacado.

En Santiago non houbo debate

Non se promocionou nada nas canles oficiais da CRTVG, fixo máis promoción calquera das forzas políticas aquí representadas que os medios públicos e o colmo xa foi o que pasou en Santiago,  “non houbo debate porque vostedes non quixeron ceder nin medio milímetro”.

A xuízo da nacionalista, o  “non debate de Santiago” demostra outra cousa. Sabemos que non o houbo os que estamos aquí e fóra  nin se enteiraron porque non os ve ninguén ás 10 da mañá.

Que busca a CRTVG ocultando os debates? Porque lle nega o dereito á cidadanía a informarse dos proxectos e propostas para as súas cidades? Os debates electorais “non son minutos de gloria para os partidos políticos, son un dereito fundamental, que unha vez máis vostedes están arrebatando á sociedade galega”, concluíu.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG