Olalla Rodil cualifica de “estafa e subterfuxio” o uso que fai o PP da Lei de Acompañamento

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Rexeitou o texto lexislativo utilizado como “porta de atrás” para modificar leis sen debate parlamentario e social

A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil cualificou hoxe de “estafa e subterfuxio” o uso que fai o Partido popular da Lei de Acompañamento. Para a nacionalista, esta lei  ten un carácter excepcional e urxente que debe  incluír só  reformas legais  indispensábeis para a correcta execución orzamentaria pero en ningún caso como “porta de atrás para non celebrar o debate parlamentario e social que precisan as  reformas de calado como a  Lei de prevención de incendios ou   montes veciñais en man común.

Dende o ano  2009 lembrou Rodil,  o Partido Popular usa a Lei de Acompañamento como “totum revolutum” ou  caixón de xastre para modificar leis, “20 este ano, a través dun procedemento acelerado”. No BNG, rexeitamos este texto lexislativo, remarcou a nacionalista.

FISCALIDADE

A respecto  das medidas fiscais, o Partido Popular renega  de adoptar outra fiscalidade máis progresiva e equitativa para garantir unha maior redistribución da riqueza. Neste sentido, defendeu as emendas presentadas polo BNG que permitirían  recadar maiores recursos económicos cos que blindar e mellorar os servizos públicos, e dinamizar economicamente o noso país.

“Aplicar unha maior progresividade aos tramos autonómicos do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), con gravames adicionais para bases impoñíbeis superiores aos 60 mil euros e, sobre todo, aquelas rendas que superen os 120 mil euros”.

Ao que sumou, crear, dentro da limitada capacidade que lle recoñece o marco político actual ao Goberno galego,  un imposto que grave o impacto económico, ecolóxico e social das grandes áreas comerciais e restaurar realmente o Imposto de Patrimonio gravando aqueles superiores a 300 mil euros, excluída a vivenda habitual. Estas dixo, son  propostas afirmou,  “con encaixe no encorsetado marco actual”.

MONTES VECIÑAIS

En relación ao conxunto de medidas administrativas incluídas na Lei de Acompañamento insistimos en rexeitar este mecanismo como ferramenta para acometer reformas de calado en leis de enorme importancia como a Lei de montes veciñais en man común.

Nesta liña engadiu que a figura dos montes comunais, marcada polo seu carácter asemblear, “non pode ser reformada sen consultar as asembleas de comuneiros e a organización que as representa” e menos  aínda cando o que pretende o Partido popular  é abrir unha porta para entregar a súa xestión a mans privadas valéndose da declaración do monte en grave estado de abandono con criterios discrecionais.

“Desde o BNG continuamos a defender esta forma de propiedade, a necesidade de revitalizar e recuperar as asembleas comuneiras e sobre todo camiñar cara á un aproveitamento multifuncional do monte que equilibre a  súa tripla vertente: económica, ecolóxica e social”.

Outras modificacións que introducen, por exemplo á Lei de depredación; aprobada este mesmo ano, hai apenas uns meses; ou a Lei de Solo, na que van vostedes pola “enésima reforma” en pouco máis dun ano, deixan en evidencia que lexislan “a impulsos e que  se autoemendan por parroquias”.

AUTOEMENDA DO PP A SÚAS POLÍTICAS

Para  autoemenda, recalcou Rodil ,  a da Lei de prevención de incendios. Recúan vostedes nalgunhas das decisións tan lesivas que adoptaron entre 2009 e 2010. Amplían as franxas de protección e xestión da biomasa despois de telas reducido por puro sectarismo político e introducen tamén mudanzas –algunhas delas despois das transaccións acordadas co noso grupo-- para redixir de maneira máis clara e coa debida seguridade xurídica, a execución subsidiaria naqueles predios sen propietario coñecido, abandonados ou repoboados con especies prohibidas. Estas recomendacións formuladas pola FEGAMP foron recollidas nas  nosas emendas, non porque coincidamos coa política forestal do Partido Popular, senón  porque despois do acontecido este verán e especialmente no mes outubro, o BNG asume a súa responsabilidade  introducindo os cambios legais que sexan precisos para mellorar a situación actual.

No BNG temos moi clara unha cousa, o que se recolle na Lei de Acompañamento referido á prevención de incendios ou á mobilidade de terras, son “medidas conxunturais” que non van resolver un problema multicausal como son os incendios e moito menos atallar a realidade  actual  do monte e por iso, presentamos  propostas de diálogo cando Galiza, no mes de xuño,  aínda non ardía. Por carta ao presidente da Xunta e con múltiples iniciativas que defendemos neste hemiciclo. “A todo se nos dixo que non ou se nos deu a calada por resposta”.

Urxíamos o PP, xa daquela, a abordar o abandono do rural e do monte, a falta de ordenación territorial e forestal, a fortísima presenza de especies foráneas e pirófitas (eucalipto e piñeiro), o cambio climático, a seca, a desestacionalización dos incendios, a precarización das condición de traballo e do propio servizo de prevención e extinción dos lumes.

“A todo dixeron que non”, concluíu Rodil.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG