A portavoz de Economía e Facenda do BNG, Noa Presas defendeu hoxe 34 emendas contra as normas do Articulado dos Orzamentos do PP dos que dixo, “carecen de políticas para recuperar a economía e manteñen a desigualdade social”:
Aumentan os orzamentos?, preguntou a deputada que respondeu, si. Mudan as prioridades políticas para corrixir as políticas que debilitaron os servizos públicos e aumentaron a desigualdade social?, radicalmente, non.
“Polo tanto, máis recursos pero mesmo marco regulatorio levan a que este Articulado reflexe o continuísmo dun modelo que desde o nacionalismo galego rexeitamos a través dun total de 34 emendas”.
O conxunto de normas do Articulado, é a letra pequena dos Orzamentos e un ano máis, caracterízanse, “polo continuísmo, falta de vontade e ambición para superar o déficit e , políticas submisas”.
Presas lamentou que o Partido popular non aceptara ningunha emenda do BNG o que, ao seu xuízo, “demostra a incapacidade do goberno para dialogar. Este goberno “é incapaz de mirar cara os problemas da xente porque só mira para o seu embigo”.
Saímos da recesión, pero a que prezo?. Con que resultado?. Quen pagou e segue a pagar a hipoteca da crise?, volveu preguntar a nacionalista. A fenda entre a parte máis alta e máis baixa da distribución da riqueza “é cada vez maior”. Temos 700.000 persoas que non chegan ao SMI e a luz, carburantes, e vivenda... soben e soben.
En 2008, engadiu, explicou a nacionalista, o Salario Mínimo Interprofesional estaba en 600 euros, no 2017 en 707 e mentres a vivenda e servizos básicos aumentaron un 20%, “o SMI só o fixo nun 15%”.
Agora o señor Rajoy véndenos que igual soben un 4%, “nin 20 euros”, que non dá nin para cubrir a suba da gasolina e da luz, e vostedes “aplaudindo coas orellas en lugar de exercer poder político e esixir máis”.
O BNG EMENDA O ARTICULADO CON 34 PROPOSTAS
Mediante as propostas, dende o BNG apostamos “sen fisuras” por dar un cambio de rumbo centrado en tres grandes ámbitos de actuación: “Blindar os servizos públicos e o gasto social, traballar pola recuperación e a calidade do emprego público e afondar nunha maior transparencia”.
Opoñémonos de raíz ao espírito do artigo 9 porque é un artigo que prioriza as imposicións de déficit que marcan en Madrid. “Comprometámonos a blindar o gasto na a sanidade, o ensino, a dependencia e servizos sociais”.
Emenda á colaboración público privadas para salvagardar os servizos básicos como servizos públicos
Nesta liña afirmou que o modelo de colaboración público-privada está destinado a entregar progresivamente servizos e infraestruturas públicas a mans privadas. E para isto, propoñemos dúas liñas de actuación: que en ningún caso o canon para o concesionario supere o custo financeiro e impedir vergonzas como o acontecido “co calote do Hospital Cunqueiro” e iniciar no 2018 o progresivo rescate das concesións outorgadas a través da colaboración público privada en servizos públicos sanitarios ou educativos. “Queremos recuperar estes servizos para a xestión íntegra pública”.
Por outra banda, defendeu emendas contra o incremento de concertos educativos que o Partido popular “ blindou ata o 2023” coa inclusión de centros que segregan por sexo.
Sobre gastos de persoal reclamou “ restituír dereitos retributivos, restituír volume de traballadores e restituír a dotación da administración e dos seus servizos”.
Vostedes publicitan moito a OPE, pero non hai unha desconxelación real de profesorado. As interinidades dispáranse en secundaria, FP, EOI e réxime especial chegando ao 60% dos docentes con destino provisional, o 19% do profesorado leva nesta situación até 10 anos, e todo indica que esta situación non vai mudar.
Finalmente referiuse a un bloque de emendas encamiñadas a mellorar a xestión orzamentaria, o control e a transparencia. Lamentamos que desta volta o Partido de goberno cedera tan sequera en algo tan elemental como entrar no século XXI e facilitar a información ao Parlamento, apostilou.
Desde o BNG entendemos que corresponde cumprir coas esixencias da sociedade en favor de que a transparencia sexa información real e accesíbel, por iso presentamos diversas propostas en canto a prazos, exposicións públicas e unha “Oficina de control orzamentario”.Concluíu.