A portavoz de Política Social, Olalla Rodil, criticou o veto do PP á iniciativa do BNG para mellorar a financiación do Servizo de Axuda no Fogar que, segundo denunciou, atravesa unha situación “insostible” que pagan persoas usuarias e traballadoras. O SAF atende hoxe en día a máis de 25.000 persoas dependentes en Galiza, seis veces máis que hai quince anos, pero “practicamente nas mesmas condicións e cun custe triplicado”, subliñou.
Olalla Rodil defendeu no Pleno do Parlamento unha proposición non de lei, que rexeitou o PP, para aumentar a contribución da Xunta á financiación da Axuda no Fogar, aliviando deste xeito a “inxente” carga económica que sofren os concellos para soster o servizo e axudando a mellorar as condicións nas que se presta tanto para as persoas usuarias como para o seu persoal, que sofre a sobrecarga de traballo e situacións de precariedade laboral.
A proposta do BNG, recollida no programa electoral co que concorreu ás pasadas eleccións, reclamaba en primeiro lugar, e de maneira inmediata, incrementar a aportación da Xunta até os 20 euros por hora nos próximos dous anos, a razón de catro euros máis por hora no 2025 e outro tanto no 2026. “Cifras e compromisos concretos e non promesas sen concreción para gañar un titular, porque as palabras lévaas o vento”, asegurou Rodil, que considerou a prestación deste servizo esencial para garantir o dereito das persoas a vivir na súa casa cos mellores coidados posibles.
A deputada nacionalista advertiu que os concellos non teñen nin persoal nin orzamento para asumir unha prestación á que que, subliñou, as persoas usuarias teñen dereito por lei. Segundo explicou, o seu custe real oscila entre os 20 e os 24 euros a hora, dos que Xunta tan só achega doce euros. O resto teñen que asumilo os concellos, “e a situación non vai mellorar porque cada vez será maior o número de persoas usuarias” nun ao que hoxe están accedendo só grandes dependentes.
Ademais das persoas usuarias ás que se lles está negando un dereito social, Rodil destacou que as consecuencias da situación do SAF estanas pagando “o lombo das auxiliares” que sofren unha “enorme precariedade laboral” e as traballadoras socias dos servizos sociocomunitarios, “cun persoal insuficiente para asumir o volume de traballo que esixe a xestión do servizo”. Galiza, lembrou, ten unha rateo de 1 traballadora social por cada 2.200 habitantes, cando a media é de 1.700.
De feito, agregou, hai lista de espera para a Axuda no Fogar en todos os concellos, como en Vilalba, onde ten 315 usuarios e hai 235 persoas en lista de espera; Outeiro de Rei, con 93 usuarios e 44 persoas agardando, ou Samos, con 34 e 16 respectivamente. Tres exemplos que a viceportavoz do BNG no Parlamento escolleu para pór de manifesto o colapso do servizo.
Neste sentido, o BNG reclamou tamén a través da súa iniciativa unha reunión inmediata entre Xunta e Fegamp para abordar a necesaria reforma do SAF, co obxectivo de garantir a súa estabilidade financeira e adaptalo ás necesidades da poboación galega. Rodil avogou, en concreto, por reactivar a comisión creada no seo da Fegamp que o PP, lembrou, mantén bloqueada desde que se creou no 2021.
A débeda do Estado: 2.500 millóns
A deputada nacionalista defendeu, por outra banda, a necesidade de que o Goberno do Estado cumpra co cofinanciamento do 50 % que establece a Lei de Dependencia, e demandou así mesmo o pago da débeda acumulada nesta materia dende a entrada en vigor da norma en 2006. Unha débeda “co País e coas persoas máis vulnerables” que ascende a 2.500 millóns de euros en parte grazas ao “silencio” que o PP mantivo en Galiza durante o Goberno de Rajoy, que “recortou até a saciedade” e non chegou a aportar nin o 27 % do pago pola Lei de Dependencia.
“Teñan un pouco de pudor”, reclamoulle Rodil aos populares, lembrándolles que, se ben aínda é necesario mellorar, grazas ao acordo de investidura asinado polo BNG en Madrid hoxe o Goberno do Estado aporta o 44 % da financiación do SAF en Galiza.