Galegas 2020

Olalla Rodil chamou a mobilizar o voto cara ao BNG “para que se produza un cambio real na Galiza”

Acto Vilalba
Acto Vilalba

A candidata do BNG participou nun acto público en Vilalba, onde asegurou que “temos que recuperar frecuencias  e liñas no transporte público para conectar as distintas poboacións de Galiza” 

Rodil: “temos que lembrar a loita do colectivo LGBT os 365 días do ano”

A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil, participou nun acto público en Vilalba, onde puxo o foco na xestión que levou a cabo os últimos 11 anos a Xunta de Galiza do Partido Popular nas vilas. Segundo Olalla Rodil, “Vilalba é un exemplo moi claro de que o PP non gobernou pensando en asentar poboación nas vilas e nos núcleos do rural”. “O primeiro paso que temos que dar para asentar a poboación nas vilas e no rural é dispoñer de servizos básicos como o transporte”, afirmou Olalla Rodil.

“Vilalba é un punto céntrico da provincia, comunicado mediante autovías con Lugo, A Mariña e a Coruña, mais a única liña de bus que para aquí é a que comunica Lugo coa Coruña”, afirmou Olalla Rodil, que engadiu “O Partido Popular desde a Xutnta de Galiza falaba da lexislatura do rural, mais despois deixou sen servizos e sen comunicacións comarcas como a Terra Chá”. Olalla Rodil afirmou que Vilalba “merece unha estación de buses funcional e liñas que a comuniquen co resto da poboación”.

Olalla Rodil pediu o voto para o BNG o 12 de xullo “para que toda a poboación de Galiza teña acceso a servizos públicos básicos, como educación, sanidade ou atención aos maiores”. Segundo Olalla Rodil, “ 12 de xullo podemos conseguir un cambio real na Galiza, un cambio que reconstrúa os servizos públicos que eliminaron once anos de goberno do Partido Popular, e que faga historia poñendo a Ana Pontón como primeira muller presidenta da Xunta de Galiza”.

Acto VilalbaDía do Orgullo LGBT

Coincidindo coa celebración do día do Orgullo LGBT, Olalla Rodil afirmou que “temos que lembrar a loita deste colectivo os 365 días do ano”. Segundo a candidata do BNG, “a loita polos dereitos dos distintos colectivos faise máis importante nestes días, coa deriva de certos discursos de cara ao retroceso no recoñecemento da diversidade afectivo sexual”. Segundo Olalla Rodil, “un dos obxectivos do BNG no goberno da Xunta a partir do 12 de xullo será acadar unha sociedade sen discriminacións”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG