O PP votou en contra da comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda para que dea conta do sobreprezo de 470 millóns de euros na construción do Hospital Álvaro Cunqueiro, como recolle o informe do Consello de Contas.
Na Deputación permanente reunida este mércores a petición do BNG, a responsable de Sanidade, Montse Prado acusou ao PP de ser uns “auténticos trileros” e de non querer darlle explicacións ao pobo galego desta “estafa” no sobreprezo do centro sanitario, nun momento no que se lles están “racaneando” dereitos aos traballadores e traballadoras, conxelándolles os seus salarios, “dereitos que aínda non recuperaron” -recordou- e cualificou de “neoliberal” a política que practica o Partido Popular ao permitir un “negocio redondo para a concesionaria e ruinoso para a sociedade galega” na construción do hospital vigués.
O informe do Consello de Contas ven a ratificar o que o BNG leva denunciando desde a decisión do PP de cambiar o modelo previsto, que é “un negocio moi lucrativo para a concesionaria e ruinoso para as arcas públicas, para os galegos e galegas que son os que pagan impostos”, afirmou.
Prado recordou que o Sergas licitou un orzamento máximo para o hospital de 374.371.630 € e estableceu un canon a pagar en 20 anos de 659.561.032, polo tanto, subliñou, “un beneficio para a empresa de 285.100.997, nada máis e nada menos que o 76%, cun tipo de xuro establecido no contrato do 2.5% e cunha taxa 0 de risco.”
Ademais, estableceuse un canon polos servizos non clínicos de 500.000.000 €, como o de limpeza, ao que se lle suma os servizos pagados por persoal e poboación: aparcadoiro, cafetería ou televisión.
Denuncia tamén que a redución da superficie construída e de servizos non supuxo unha redución do prezo. Criticou ademais un aumento continuado do canon, que se estableceu nun custe máximo de 56 millóns e que no último ano fiscalizado xa ascendía a 71 millóns e no último orzamento xa sobrepasa os 84 millóns.
Prado criticou que a actualización contida no prego “non distinga un importe fixo destinado a recuperar os custos da construción do hospital e pola contra lle aplique un importe variable de revisión de prezos que só debería ser aplicado aos custos de explotación da prestación dos servizos”.
Destacou tamén unha diminución dos metros útiles en diversas áreas hospitalarias, con 11.792 m2 de menos, e duns 16.690 m2 de aparcadoiro, “sen ningunha consecuencia”.
Segundo o informe do Consello de Contas, non existe concordancia entre os servizos complementarios non clínicos previstos no Estudo de viabilidade e os que foron finalmente obxecto de licitación. O estudo inclúe a prestación de servizos no NHV (Álvaro Cunqueiro), no Hospital Meixoeiro, no Hospital Nicolás Peña e no CAR-PAC, mentres que o expediente de contratación non inclúe a prestación neste último. Prado denuncia que a empresa concesionaria nunca se fixo cargo do PAC pero que non se reduce do prezo. “Para que?, hai que seguir permitíndolle facer caixa”, ironizou.
O mesmo acontece co prazo do contrato, realizándose os cálculos para un período do total de 20 anos (3 de contrato e 17 de explotación) e licitándose para un período de 3 de construción, pero 20 de explotación.
O BNG vén advertindo que a redución de servizos e camas fai que miles de persoas da área sanitaria de Vigo non dispoñan de atención hospitalaria na sanidade pública e teñan que recibir asistencia na sanidade privada.
Prado asegura que o proceso de construción estivo envolto desde o seu inicio no “escándalo, na polémica e na sospeita de que era un ruinoso negocio para os galegos e as galegas, para as arcas públicas, e pola contra, un magnífico negocio para as empresas” ás que se lles adxudicou a obra. Critica que o PP polo cambio de modelo xa que en lugar de facelo directamente pola propia administración, pasou ao modelo “eufemisticamente chamado financiamento público-privado que o que significa é a construción por parte dunha empresa á que logo a Xunta lle ten que pagar un canon durante máis de vinte anos”.
“O Parlamento galego non pode permanecer alleo a esta situación de alarma xeralizada creada tralo coñecemento do informe do Consello de Contas”, no que se constata un sobreprezo de 470 millóns de euros na súa construción. Unha alarma que segundo a deputada nacionalista “se ven a sumar á xa existente a respecto da situación na sanidade público privada”.
Neste senso, o BNG calcula que con eses cartos podería ter renovado o parque tecnolóxico con 50 TACS, 89 resonancias magnéticas, 100 mamógrafos, así como ter contratados durante 20 anos a 250 médicos de familia.