Galegas 2020

Noa Presas propón un Plan Estratéxico do Termalismo que aposte pola participación pública e desenvolva todo o seu potencial

Termalismo ourense
balneario da Entidade Menor de Berán

O BNG visita o balneario da Entidade Menor de Berán: “símbolo da mala xestión de Feijóo ao fronte da Xunta de Galiza nos 11 anos de goberno do Partido Popular”

Noa Presas: “Precisamos unha Xunta de Galiza que aproveite os recursos propios e europeos para xerar oportunidades e non problemas”

A candidata do BNG por Ourense, Noa Presas, visitou o balneario da Entidade Menor de Berán, no Concello de Leiro acompañada por representantes municipais da formación. Presas sinalou que as instalacións simbolizaban o desperdicio do PP de fondos públicos e un modelo termal fracasado. A candidata apostou por un Plan Estratéxico do Termalismo que aposte por este recurso como un ben público e desenvolva todo o seu potencial no eido tamén da saúde pública e con liñas de investigación.

Durante a visita ás instalación termais na Entidade Menor, a cabeza de lista do BNG sinalou que este balneario “demostra o fracaso do modelo termal do PP e como se desmonta o mito do bo xestor dos fondos públicos”. Presas apuntou a que “é todo un exemplo do desaproveitamento do potencial de transformación que podería ter unha infraestrutura deste tipo para unha comarca coma O Ribeiro”.

O novo balneario, aínda sen abrir despois de máis dunha década desde a súa construción, supuxo máis de 3 millóns de euros de investimento tanto de Fondos Europeos como da Xunta de Galiza. Para o BNG é un exemplo máis da incapacidade de Feijóo de colaborar coa Entidade Local Menor de Berán para a reapertura do antigo balneario e a apertura do novo. “A día de hoxe este balneario está en moi mal estado e requiriría dunha reforma ambiciosa. Sería necesario un goberno que tendera a man para levar a cabo tamén unha reforma no antigo balneario” afirmou Presas.

Desde a organización nacionalista sinalaron que se comprometen a “abrir un tempo novo no termalismo” fuxindo do “curtopracismo do Partido Popular”. “É necesario apostar por un Plan Estratéxico do Termalismo que impulse a participación pública e procure o valor social do termalismo e abra a mente máis alá do turismo” sinalou a candidata do BNG.

Termalismo: da investigación ao ben público

Para Noa Presas, o desenvolvemento da área termal non pode ficar relegado a un ben de interese turístico senón que pode ser aproveitado para outras áreas de especialización. “É importante consolidar as liñas de investigación dos seus usos industrias, coma por exemplo no ámbito da cosmética. Temos un Campus da Auga en Ourense no que hai que consolidar as liñas de investigación” enumerou Presas “a través de programas específicos de innovación”.

A organización nacionalista, en palabras da súa candidata por Ourense, tamén se comprometeu a poñer en valor a figura do termalismo en materia sanitaria. Presas quere que o termalismo xogue “un papel fundamental como parte do coidado da saúde pública e implicar neste ámbito ao SERGAS”.

Desde o BNG comprométense a tenderlle a man aos Concellos e “asumir as responsabilidades da Xunta de Galiza que é quen ten as competencias neste tipo de augas e quen ten que asumir o liderado, a planificación e o financiamento”. Presas tamén lembrou que a súa formación reclamará a competencia plena das bacías hidrográficas- a día de hoxe está en mans do goberno central- xa que sinalaron que é unha cuestión fundamental para o desenvolvemento do termalismo á hora de abordar a explotación de novos recursos e de regular es enchentas das zonas afectadas polos encoros.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG