A portavoz de Enerxía do BNG, Noa Presas formulou unha pregunta ao goberno sobre o imposto do canon eólico e as previsión a medio prazo. Para a nacionalista, “Galiza non pode resignarse a recoller as ‘migallas’ da grande potencia eólica que hai instalada no noso país”.
A xuízo da deputada, urxe abrir o debate de como debe ser a fiscalidade medioambiental con outra norma, tras o desenvolvemento da tecnoloxía eólica, así como corrixir un “modelo que non funciona” visto o fracaso do “Fondo d Compensación ambiental” para os concellos.
Noa Presas explicou que o Partido popular substituíu o modelo eólico do bipartito, un modelo de participación pública, por un “imposto que dende o principio deu problemas” porque a recadación foi menor da estimada e continuamos coa amenza de que pode repercutir nas persoas consumidoras como xa aconteceu no ano 2013 coa lei de orzamentos de Rajoy e Montoro que obrigou a Galiza a “pagar 38 millóns de euros” que pagamos na nosa factura todos os galegos e galegas.
A maiores, dixo, este cambio de modelo “non saíu gratis” e xa levamos máis de 4 millóns de euros en sentenzas derivadas das denuncias das empresas do sector.
O modelo eólico do PP, recalcou a nacionalista, “non garante un retorno xusto” e os beneficios seguen nas mans de empresas do IBEX 35 e de empresas públicas estranxeiras mentres vostedes seguen negándose a impulsar una empresa galega. Na actualidade, os propietarios reciben de media menos do 3% do total da facturación dos parques e os concellos arredor do 5%. Neste punto, puxo como de exemplo o parque eólico Serra das Penas: “menos de 750 euros de pagamento anual en 2020 pola ocupación de terras que agora teñen un aereoxerador”, no que cada turbina xera 227.742 euros. Outro estudo, reflicte que os habitantes do concello de MURAS percibiron polos alugueres dos terreos un 1,5%, “moi inferior ao resto de Galiza, onde noutras zonas se acada o 3%”.
Presas cualificou de “fracaso” o Fondo de Compensación ambiental para as entidades locais e explicou que a Xunta acapara para si “a metade e despois destina algo máis de 11 millóns de euros dos que 7.715.174,00 son destinados a subvencións e 3.588.227,00 €, para actuacións específicas de protección do ambiente, “unha chapuceira política de extinción de lumes, extinción que non prevención, que sería o ambientalmente sostible e o social e politicamente desexable”.
Con este modelo, recalcou, “ non se garante un trato xusto cos concellos directamente afectados” e resulta urxente que o goberno galego faga unha profunda avaliación da situación e dialogue cos axentes afectados para introducir mudanzas. Neste sentido, defendeu “gravar a potencia e non aos aereoxeradores”.
Tras a intervención da directora xeral de Planificación Enerxética, Paula Uría, a nacionalista insistiu en que Galiza como país especializado na produción de enerxía, que vive un boom eólico sen precedentes e que asiste á transformación do sector, “non pode resignarse as migallas” e a riqueza que xera debe ter un retorno económico. Mentres non sexa así, recalcou, propuxo asumir a proposta do Observatorio Eólico Galego para distribuír o recadado polo canon eólico entre os concellos afectados por aereoxeradores e liñas de evacuación e mudar o deseño do imposto para que teña como feito impoñible a potencia instalada do parque eólico e non o número de aéreo xeradores.
A deputada tamén propuxo unha mesa de negociación cos concellos galegos para abordar esta cuestións.