Galegas 2020

Noa Presas: “Se concentramos o voto do cambio na papeleta do BNG, o cambio galego será imparable”

Acto Verín
Acto Verín

Néstor Rego: “Temos que acabar co espolio que padece o noso país. Temos a capacidade para actuar e para decidir”

O BNG vese arroupado pola veciñanza de Verín “a primeira derrota de Feixóo co Verín Non Se Pecha”

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, estivo nun encontro coa veciñanza da vila acompañada polo tenente de alcalde e candidato, Diego Lourenzo, e o deputado no Congreso dos deputados, Néstor Rego. Presas lembrou que Verín foi a primeira derrota de Feijóo e o 12X “será a segunda e a definitiva” e garantiu que cun goberno liderado polo BNG provocará un cambio “real e galego”. Asemade, Rego sinalou que o pobo galego está maduro para escoller a alternativa correcta votando BNG.

Durante o acto interviñeron a candidata e concelleiro do BNG na Gudiña, Raquel Fernández, e o propio tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, tamén candidato. Pola banda de Noa Presas, comezou a súa intervención sinalando que nesta campaña electoral, a cidadanía terá que combater con dúas pantasma: unha primeira que é o Partido Popular de Feijóo, Jiménez, Baltar e Casado “que é o mesmo que dicir emigración, paro, abandono do rural e de Ourense, corrupción, privatización...”; e por outra banda, “a pantasma da resignación e do derrotismo”.

Presas destacou que “non hai nada escrito” e para combater estas pantasmas é precisa a receita da mobilización. “Verín foi a primeira derrota de Feijóo e o 12 de xullo imos ver a segunda” reivindicou Presas durante o encontro. “Imos levar ás urnas a rebeldía do feminismo, a rebeldía das que defendemos a sanidade pública das que pensamos que Galiza merece máis. Imos levar ás urnas a rebeldía do Verín Non Se Pecha”.

“Se concentramos o voto do cambio na papeleta do BNG, o cambio galego será imparábel e Galiza terá a primeira presidenta da nosa historia” reivindicou a candidata nacionalista. Sinalou que o Partido Popular atópase “nervioso e debilitado” porque está perdendo votos desde as eleccións xerais e municipais de hai un ano “tamén na circunscrición de Ourense onde só goberna en Ribadavia e na cidade de Ourense” polo “pacto da vergoña con Jácome”.

Papel do BNG: a representación nas institucións do pobo galego

Presas reforzou a importancia do peso da formación nacionalista nas institucións exemplificándoo no Congreso do deputados: “tivo que volver o BNG para que se falara de Galiza e para que houbera compromisos con este país e as súas maiorías sociais”.

Pola banda do deputado no Congreso dos deputados, Néstor Rego, sinalou a capacidade de traballado da cabeza de lista durante estes últimos catro anos na súa labor no Parlamento de Galiza defendendo os intereses de Ourense. “Fronte a tanta submisión das forzas estatais, o que precisamos é determinación política para colocar sempre en primeiro lugar os intereses do pobo galego e facernos valer” destacou Rego.

Asemade, explicou que o resto de forzas progresistas estaban tendo o mesmo papel de submisión para con Madrid que o Partido Popular de Feijóo: “Durante todo o ano está dicindo España, España, España e agora en campaña electoral Galicia, Galicia, Galicia” criticou o deputado do BNG perante a campaña formulada pola formación conservadora.

Cambio galego liderado por unha presidenta

Rego preguntoulle ás veciñas e veciños de Verín se “vían a Ana Pontón submisa ante Madrid diante das actuacións que se están levando a cabo”. A resposta foi negativa e avanzou que a candidata á presidencia do BNG será quen de plantarlle cara con firmeza ao goberno de Madrid para reclamar “o que nos corresponde por xustiza”.

“Temos que acabar co espolio que padece o noso país. Temos a capacidade para actuar e para decidir en función dos propios intereses, da mellora da calidade de vida e benestar de todos os galegos e galegas” afirmou o deputado nacionalista. A gran elección o doce de xullo é escoller entre “un partido teledirixido desde Madrid que colabore en manter o espolio e a dependencia; ou unha forza política que defenda e traballe pola soberanía e os intereses de todas e todos os galegos”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG