Congreso

Néstor Rego, sobre a moción de censura: «O voto do BNG é en defensa da Galiza e a democracia»

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego anunciou que o BNG posicionarase en contra da moción de censura e salientou o perigo que representa a forza da dereita ultraespañolista para os dereitos democráticos, as liberdades públicas e a propia existencia de pobos como o galego.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, manifestou que a formación nacionalista votará contra a moción de censura e salientou o perigo que representa a forza da dereita ultraespañolista para os dereitos democráticos, as liberdades públicas e a propia existencia de pobos como o galego.

O deputado nacionalista lembrou que Vox ataca de forma permanente a lingua e cultura galega e insiste en defender a supresión de institucións autonómicas, como Parlamento galego ou a Televisión da Galiza. Rego tamén recordou como, hai menos dun mes, a formación de ultradereita propuxo ilegalizar todas as forzas nacionalistas. Nese sentido afirmou que representa un risco para a democracia e salientou a lexitimidade de o BNG de defender o dereito de autodeterminación e a soberanía da Galiza.

O deputado do BNG sinalou que coñecemos perfectamente cales son as posicións dunha forza como Vox pois non só as expresa de forma permanentemente con actitude agresiva e a través dun discurso que pretende polarizar, tamén o fai con iniciativas que deixan claro que a súa idea da sociedade no Estado español limítase a aqueles que comparten os seus puntos de vista”.

O deputado nacionalista destacou que a finalidade desta moción de censura é “amplificar o discurso de odio fronte a todo aquilo que disinte do marco político-ideolóxico da ultradereita, especialmente, das súas posicións xenófobas, machistas, homófonas e ultraespañolistas”, para alén de ter como obxectivo de lanzar un opa hostil ao Partido Popular.

Debate sobre a Lei de Estabilidade Orzamentaria

Néstor Rego salientou que a decisión do Goberno español de suspender as previsións limitativas da lei de estabilidade tributaria e sustentabilidade financeira, aínda que sexa motivada por unha situación excepcional como a provocada pola pandemia, “vén dar a razón ás forzas políticas, como o BNG, que desde hai anos cuestionamos as limitacións impostas nas políticas económicas para manter o dogma da austeridade que tanto sufrimento causou nos sectores máis vulnerábeis da sociedade e dos pobos do Estado español”.

O deputado nacionalista sinalou que o teito de gasto anunciado en 196.000 millóns de euros debe permitir atender adecuadamente as necesidades da Galiza, compensando o déficit histórico en investimentos e que recolla as partidas necesarias para dar cumprimento estrito ao acordo de investidura entre o BNG e o Partido Socialista que “é sobre todo un compromiso do goberno coa Galiza, con todos os galegos e galegas”.

O BNG considera que, tendo en conta o incremento producido de case 70.000 millóns de euros, os orzamentos xerais do Estado deben permitir facer fronte á situación de emerxencia social e económica e sentar as bases dunha saída socialmente xusta da crise. “A crise de 2008 foi resolta con políticas que priorizaron rescatar os bancos fronte as persoas. Vemos con preocupación indicios de que este goberno poda cometer o mesmo erro, priorizando rescatar as contas de resultados do Ibex 35 fronte a garantir os salarios e as coberturas das persoas que van quedar no paro ou dos autónomos que non saben se van poder manter o seu negocio aberto” destacou Néstor Rego.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG