O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda a intervención pública no sector eléctrico ante a suba continua do prezo da luz. Na concentración, o deputado reclama a reforma do sistema eléctrico estatal para garantir unha transición social e territorialmente xusta, a comezar pola nacionalización das grandes compañías eléctricas. Así mesmo, insiste na necesidade de crear unha Tarifa Eléctrica Galega por ser un País produtor excedentario de enerxía eléctrica.
A formación nacionalista partilla o obxectivo de denunciar o espolio enerxético que sofre Galiza e a estafa que supón para as clases populares e as maiorías sociais unha factura da luz “abusiva”, consecuencia dunha regulación “que favorece os intereses das grandes empresas eléctricas en vez de facelo a favor do desenvolvemento social e económico”. Neste sentido, Rego avanza que o BNG seguirá traballando para trasladar alternativas políticas que dean solución aos problemas que provoca a suba da luz.
A comezar, o BNG defende unha “nova regulamentación do sistema eléctrico que poña a produción de enerxía ao servizo do desenvolvemento social e económico. Tamén propón a intervención pública e a creación de empresas públicas, una empresa pública galega “que comece a xestionar a produción” comezando polas concesións hidroeléctricas que caduquen que revertan na administración pública. “Temos que rematar con esta estafa que padecemos todos os galegos e galegas” reivindica Rego.
Por outra banda, insiste na necesidade de crear unha Tarifa Eléctrica Galega. “Entendemos que é xusto que un País produtor e excedentario de enerxía, que xa pagou e continúa a pagar as consecuencias sociais e ambientais desa produción, teña algunha compensación, que supoña un beneficio para a Galiza” explica o deputado. Carece de sentido que, producindo enerxía ao lado das nosas casas, “teñamos que pagar o mesmo que alguén que a consome a 600 quilómetros de distancia”.
“O BNG está a levar a cabo unha recollida de sinaturas na rúa que está tendo boa acollida e sirve de mostra dese enfado e ese descontento social amplo”. Neste sentido, Rego lembra o acto simbólico anunciado polas forzas soberanistas para o vindeiro 8 de outubro. Convidan á xente a participación nun apagón eléctrico masivo e unha cazolada entre as dez ás dez e media da noite para reclamar contra a suba continua do prezo da luz. Así mesmo, avanza que rexistrarán novas iniciativas conxuntas no Congreso a vindeira semana con propostas para rematar coa suba continua do prezo da luz e reclamar que “se a luz é un ben público, debe estar ao servizo do desenvolvemento económico e social” e non só para o lucro das grandes eléctricas.