A portavoz de Sanidade, Montse Prado, reclamou ao Goberno do PP que asuma as súas competencias e “se poña a gobernar” para dotar de máis medios aos centros sanitarios do Salnés no verán e que esta comarca non volva ser o “quilómetro cero da desfeita sanitaria”, tal e como ocorreu nos meses estivais en anos anteriores.
A deputada do Salnés fíxose eco na Comisión de Sanidade da preocupación da veciñanza e dos profesionais da comarca polos déficits que se arrastran xa nos centros de saúde e as repercusións que iso está a ter na atención aos doentes. Unha preocupación que se agrava ás portas do verán, cando se multiplica a poboación, e diante da cal a Consellería de Sanidade ofrece tan só “medidas estéticas” que van supoñer que o persoal que xa hai e que “xa está exhausto” traballe “máis horas, máis días e máis anos”.
Prado fixo unha radiografía da situación na que se atopan os centros de saúde da comarca e denunciou, por exemplo, que en O Grove, onde ten que haber 7 médicos, só hai agora cinco porque o Sergas non cubre dúas baixas prolongadas. Tampouco ten previsto cubrir as vacacións, baixas e días libres do resto máis que con prolongacións de xornada, nun centro que carece de médico de desprazados. No PAC deste concello, un dos máis turísticos do País, tampouco haberá reforzos.
A prolongación de xornada é tamén a solución para o centro de Cambados, onde non se cubrirán vacacións nin en medicina nin en enfermería, denunciou. Situación similar á de Vilagarcía, onde “non se substitúe nunca” e hai tres médicos con prórroga a piques de facer 70 anos, ou á de Sanxenxo, que pese a cantidade de poboación que recibe no verán, só ten un médico de desprazados pola mañá e un dos profesionais do PAC ten que facer catro horas máis das quendas establecidas.
Só son algúns exemplos dos déficits en atención primaria, que afectan tamén á pediatría. “A maioría das crianzas da comarca teñen que escoller que día se poñen enfermas, para coincidir co que haxa pediatra no seu centro de referencia e non ter que acudir aos servizos de urxencia, onde tampouco son atendidas por especialistas en pediatría”, denunciou.
Detallou, neste sentido, que en Cambados hai un pediatra menos; na Illa e en Ribadumia pasaron de ter todos os días pediatra a telo 3 no primeiro caso e 2 á semana no segundo; o mesmo que o centro de Dena (Meaño); en Meis non hai profesional de pediatría e en Catoira só pasa consulta os venres.
A deputada do BNG denunciou, por outra banda, a cobertura de ambulancias nunha comarca con máis de 100.000 habitantes. Censurou, neste sentido, a decisión do Sergas de desprazar a Ambulancia de Soporte Vital Avanzado, medicalizada, dende a súa base no hospital do Salnés a Sanxenxo nos meses de xullo e agosto. “Están deixando desprotexida a unha parte moi importante da comarca, ispen un santo para vestir outro”, lamentou, para advertir das “consecuencias fatais” que pode ter esta decisión.
“Sobran as improvisacións de última hora e as mentiras” nunha comarca na que “non só non van poñer máis medios senón que con menos medios dos habituais teñen que atender a máis poboación. Ata onde coidan que van aguantar as profesionais?”, preguntou Prado ao xerente do Sergas, a quen afeou que “teñan convertido a Atención Primaria nunha máquina de despachar doentes”.
A portavoz de Sanidade reclamou ademais ao representante do Sergas que “deixe de botar balóns fora” responsabilizando a outros do traballo que non ten feito o Goberno do PP para cubrir as praza de persoal médico. “O problema da falta de profesionais non acaba de xurdir, e o único que fixo o PP foi mirar para outro lado”, denunciou, para recalcar que a Consellería de Sanidade renunciou a lo menos entre 2010 e 2021 a ofertar todas as prazas acreditadas para médicos de familia.
“Non poden ter a Atención Primaria en situación de emerxencia permanente poñendo en risco a saúde dos profesionais e dos doentes”, concluíu, para reclamar medidas de planificación e reforzo de persoal nos centros de saúde, garantir que nos PACs presten atención sanitaria equipos completos de profesional, garantir tamén os recursos materiais e humanos precisos para que o servizo urxente de ambulancias cubra as necesidades do Salnés, manter a ambulancia SVA no hospital do Salnés todo o ano e dotala con dous técnicos e dotar de ambulancias SVA e SVB no verán para cubrir a demanda en Sanxenxo e Cambados.