A parlamentaria do BNG, Montse Prado pediu hoxe ao Goberno galego, a través dunha proposición non de Lei, que reaccione ante a destrución de postos de traballo en Galiza polo Expediente de Regulación de emprego presentado polo Banco Santander.
Na súa intervención explicou que o control financeiro en Galiza recae nun 80% sobre dúas entidades, ABANCA e o Banco Santander. O ERE presentado polo Santander afectará a 135 oficinas dun total de 401 e das que pecharán: “ 64 na Coruña, 19 en Lugo, 15 en Ourense e 37 en Pontevedra” ao que sumou a perda dos postos de traballo do persoal dos departamentos dos servizos centrais.
Para a deputada, estamos ante “unha nova sangría” sobre os 5.000 postos de traballo xa perdidos. O Banco Santander xustifica o ERE ante o descenso de traballo nas oficinas e unha maior dixitalización dos clientes pero en realidade, dixo Prado, “é unha estratexia do Banco convidando aos clientes a unha dixitalización que en moitas ocasións nin sequera demandan”, situación que repercute moi negativamente nos servizos de calidade ao cliente.
Non podemos esquecer, recalcou a nacionalista, que o Banco Santander declarou máis de 7.000 millóns de euros de beneficios no ano 2018, e segue medrando “o dobre díxito” como afirmaba a propia Presidenta do Banco, Ana Botín. Dende o BNG consideramos que con estes beneficios non se xustifica a perda de oficinas e emprego en Galiza e denunciamos a utilización das reformas laborais para seguir facendo “reestruturacións salvaxes” como a do Banco Santander.
“O ERE do Santander leva a Galiza a exclusión financeira” afirmou e lembrou que a perda de oficinas bancarias dende o ano 2008 ao 2017 ascenden a 917, o 37% do total. Mentres isto acontece, o Goberno galego permanece “impasible” observando como desaparecen os postos de traballo e os Bancos medran en beneficios. “Un negocio para a Banca e unha ruína para o país”.
Prado lamentou que o PP impedira que prospera a proposta do BNG argumentando que a decisión do ERE non se toma en Galiza. “Non temos un goberno, temos un grupo de tecnócratas. Non temos un goberno que se preocupe pola situación financeira en Galiza nin pola perda de postos de traballo”, sentenciou a deputada.