A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, subliñou hoxe en Verín que “toda a presión é pouca” para conseguir a reapertura do paridoiro pechado recentemente polo goberno galego. Nun encontro co tenente de alcalde do BNG, Diego Lourenzo, e coas numerosas persoas que levan días pechadas no hospital en protesta por esta decisión da Xunta, Miranda explicou que xa denunciou o caso á Comisión Europea para que presione tamén á Xunta e que a localidade ourensá teña de novo este servizo sanitario.
“Non só se trata dunha prestación de servizos sanitarios, tamén é unha cuestión de dignidade”, salientou Ana Miranda, quen tamén fixo referencia ao seu carácter "transfronteirizo", xa que mulleres de localidades próximas de Castela e León acoden a este hospital. Neste sentido indicou que Verín forma parte da Eurocidade Verín-Chaves, que mediante o Programa Operacional de Cooperación Transfronteiriza POCTEP, que está sustentado con fondos FEDER-. “Existe un acordo europeo de cooperación sanitaria transfronteiriza entre o SERGAS e a autoridade portuguesa pactado en 2014 para a prestación de servizos sanitarios e a creación dunha rede sanitaria transfronteiriza”, sinalou ao respecto.
Para a portavoz do BNG en Europa son “lamentables” os argumentos esgrimidos polo presidente da Xunta para xustificar o peche, baseándose en supostos criterios médicos e técnicos. “O que acontece é que o PP a través do goberno galego está empeñado en privatizar a sanidade e reducir os servizos nas zonas rurais e despoboadas nun exercicio de cinismo e hipocrisía mentres falan de problema demográfico e de apoio á natalidade”, manifestou.
Exercicio de hipocrisía
Miranda cualificou de “exercicio de hipocrisía” a viaxe feito por membros do goberno galego a Bruxelas, como acaban de facer o pasado 19 de novembro ao Comité das Rexións, “para supostamente defender a cooperación sanitaria transfronteiriza, mentres hipocritamente pecha a sala de partos de Verín”. “Esta decisión incumpre a Directiva 2011/24 relativa á aplicación dos dereitos na asistencia sanitaria transfronteiriza”, afirma Ana Miranda dende Verin, lembrando o último Informe de Saúde 2019 da Comisión Europea que afirma que o Estado español debía contar con máis recursos para a saúde pública, o contrario do que fai o Goberno presidido por Feijoo.
Miranda considera que o peche do paridoiro de Verín supón un dobre ataque: por un lado implica a posta en marcha dunha medida que vai directamente contra as mulleres e as facilidades que deben ter á hora de ter aos seus fillos; e, por outro, implica un ataque ao mundo rural e con problemas de despoboamento que vai directamente en contra da posibilidade de que haxa persoas que decidan quedarse a vivir nas vilas por non ter os servizos públicos axeitados. Pero ademais, considera que supón un ataque aos nenos e nenas, ao eliminar tamén o servizo de urxencias pediátricas de 15 a 8 horas.
“En lugar de poñer atrancos no camiño o goberno galego, co seu presidente á cabeza, debería proporcionar facilidades á cidadanía para desenvolver a súa vida en lugar de tomar decisións que prexudican gravemente aos veciños e veciñas”, manifesta a portavoz do Bloque en Europa.