O deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, levou ao Parlamento a situación das 35.000 toneladas de pneumáticos almacenados na parroquia de Lendo (Laracha), por parte da empresa Cerámicas Campos desde a década dos 90 que, despois de anos acumulando este tipo de residuos, terminou por converterse no depósito máis grande de pneumáticos de Galiza.
Cerámica Campos, explicou Rivas, non fixo este almacenamento durante décadas por amor a arte senón coa obriga legal de proceder ao seu reciclado que, cada persoa usuaria, paga xa no momento da compra do pneumático. Sen embargo, non foi ate o pasado mes de abril que a montaña de rodas empezou a minguar despois de que o Goberno da Xunta adxudicara un contrato de xestión e tratamento destes residuos por importe de 2,7 millóns de euros, que abarca aos residuos acumulados en Laracha entre outros.
“Estas empresas non almacenaron pneumáticos usados por filantropía senón por negocio”, indicou Rivas, “polo que non ten sentido que agora con diñeiro público se lle faga o traballo e, aínda por riba, cando a maior parte do material vai para valorización enerxética por estar vello e deteriorado polo tempo transcorrido sen ter sido tratado”.
“A Consellería de Medio Ambiente adxudicou os traballos de retirada á empresa pontevedresa González Couceiro por un importe próximo aos tres millóns de euros e, en relación ao tratamento dos pneumáticos, só un 26% é obxecto de reciclado real e o resto vai para a denominada valorización enerxética, é dicir, para queimar”, explicou o deputado coruñés.
O BNG critica que ata agora non se tivese feito nada tendo en conta que o tempo máximo de acumulación destes residuos en depósitos temporais está limitado en xeral a seis meses. Ademais de que, o RD 1619/2005 sobre a xestión de pneumáticos fora de uso repercute no cliente á hora da compra unha taxa en concepto de retirada das rodas usadas.
“Dito doutra maneira, cando mercamos as rodas do noso coche xa pagamos a súa reciclaxe”, destacou Rivas, polo que non se entende que a Xunta adxudicase un contrato por importe de 2,7 millóns de euros para o tratamento das miles de toneladas de goma almacenadas en Laracha por Cerámicas Campos, esa reciclaxe estaba previamente pagada polos consumidores e consumidoras.