- Mini: “Por fin os alcaldes e alcaldesas non teñen que ir polos despachos mendigando nada e iso é un salto cualitativo”
O BNG aposta pola supresión das deputacións que considera entes obsoletos e historicamente institucións utilizadas “para exercer políticas caciquís”, e esa aposta pola súa desaparición non implica nin perda dos seus recursos, patrimonio ou emprego xa que pasarían a ser transferidos á Xunta de Galiza.
Así o explicou o deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, na comparecencia do presidente da Deputación coruñesa, Valentín Formoso, na comisión parlamentaria de orzamentos. Pero “o BNG non ten capacidade suficiente para conseguir a súa desaparición” así que, mentres existan, decide participar nos gobernos destas institucións “por responsabilidade política” e para “adelgazar as súas funcións e facelas máis transparentes”, como xa está a facer no goberno da Deputación da Coruña.
Neste sentido, Rivas parabenizou ao goberno provincial por ter aprobado xa o seu orzamento para 2017, “moito antes da Xunta e do Goberno central”, o que é “unha boa nova” para os concellos “que xa teñen unha cifra de ingresos para o vindeiro exercicio”. En concreto, 54 millóns de euros a distribuír entre os municipios da provincia, ao que se suman a contía de superávit da entidade, en total 72 millóns de euros para os concellos.
“Iso significa que os municipios, -con independencia de cal sexa a súa cor política, e quero recalcou iso-, van ter máis recursos para 2017 e van repartirse con criterios obxectivos e transparentes, 74 millóns de euros sen necesidade de ir mendigar nada polos despachos, e iso si que é un salto adiante”, argumentou Rivas. “Antes a habilidade dun alcalde ante a deputación consistía en saber conseguir cartos”, -lamentou-, “agora hai criterios obxectivos dos que debería tomar nota a Xunta que, no que respecta a distribución de recursos entre os municipios, segue instalada nun reparto caciquil”.
O deputado nacionalista salientou tamén a redución ao 5,1% das subvencións nominais, cando no último goberno provincial do PP chegaron a superar o 30%, un signo máis do cambio de modelo no actual executivo da Deputación da Coruña co gobernado polo PSOE e polo BNG, aos que felicitou polo cambio.