Galegas 2024

Mercedes Queixas chama en Betanzos a concentrar todo o voto polo cambio na candidatura de Ana Pontón

Acto Betanzos
Acto Betanzos

“Rueda si foi ao programa de Jiménez Losantos. Aínda que máis que a ser entrevistado foi a recibir ordes”

“Rueda non pode ser presidente porque nin sequera o PP confía nel. Se confiase, Rueda iría aos debates. Se confiase, Rueda non declinaría unha entrevista cunha comunicadora tan potente como Julia Otero”, afirmou este serán -nun mitin en Betanzos, no antigo Matadoiro-a número dous da candidatura do BNG ao Parlamento galego pola circunscrición coruñesa, Mercedes Queixas.

“A boa noticia para Galiza é que existe unha alternativa, a do BNG, liderada pola candidata máis valorada polas galegas e os galegos, Ana Pontón. Ana Pontón si ten ambición e si ten ilusión. Non como un Rueda apático, gris e que se esconde dos debates”, remarcou Queixas nun mitin en que tamén tomaron a palabra Amelia Sánchez, a portavoz do BNG en Betanzos, e Cristina López Sánchez, a número 12 da candidatura.

Como o PP non confía en Rueda, o candidato está desaparecido. “Xa non é só que non vaia aos debates, e que fuxa do cara a cara con Ana Pontón, é que agora tamén veta entrevistas. Iso si, si que foi ao programa de Jiménez Losantos. Aínda que teño a impresión de que máis que a ser entrevistado foi recibir ordes”.

O relevo á fronte da Xunta é “imprescindíbel” para garantir “unha mínima hixiene democrática”. “Un candidato digno de ocupar o cargo de presidente non pode vetar debates nin entrevistas”, subliñou Queixas.

A clave para o cambio galego se abrir paso o 18 de febreiro pasa por que “non haxa ninguén que quere a mudanza que fique na casa” e por que “todos os votos sexan útiles á hora de se transformar en escanos”. “Iso pasa por reforzar a candidatura que si disputa a presidencia da Xunta. Neste momento da campaña ninguén pon xa en dúbida que a presidencia da Xunta é cousa de dúas candidaturas e que a escolla está entre o continuísmo gris de Rueda ou o cambio galego e ilusionante que encarna Ana Pontón”, concluíu Queixas.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG