O Goberno galego que despois do 18 de febreiro presidirá Ana Pontón dará impulso á Área Metropolitana, clave para resolver os problemas da Coruña e a súa comarca como a mobilidade ou o tratamento dos residuos sólidos urbanos, afirmou esta mañá, nun acto político en Sada, a número dous da candidatura do BNG ao Parlamento galego por A Coruña, Mercedes Queixas.
“Nestes 15 anos o Goberno galego non avanzou nin un milímetro na ordenación do territorio. No que atinxe á Coruña, ten sido o BNG en solitario, quer no Concello quer no Parlamento, quen ten impulsado iniciativas a prol da constitución da Área Metropolitana. Sen ela moi dificilmente poderán vir a ter solución os problemas de mobilidade da cidade e a comarca. E tamén a abordaxe do tratamento dos residuos sólidos urbanos debe facerse cunha perspectiva metropolitana, como demostra o feito de que sen os concellos do Consorcio das Mariñas a planta de Nostián non sería viábel, defende Queixas.
“Estes longos 15 anos foron anos perdidos á hora de avanzar nunha ordenación do territorio racional. Temos unha Lei de Desenvolvemento Comarcal de 1999 que o PP foi incapaz de actualizar. Esa será unha prioridade da Xunta que vai liderar Ana Pontón. E a forma que a comarcalización adopta na área coruñesa é a Área Metropolitana”, engadiu Queixas, quen onte ofreceu un mitin en Betanzos e hoxe fará o propio en Melide.
“Somos unha área metropolitana de facto, pero de carecemos de instrumentos metropolitanos pola falta de vontade política do PP”, concluíu. “É unha nova demostración de que o PP non fixo avanzar Galiza e obríganos a seguir con estruturas do século XX”, remachou.
Encontro coa Asociación de Agricultores e Gandeiros de Galicia
Antes de realizar estas declaracións, Queixas reuniuse coa Asociación de Agricultores e Gandeiros de Galicia (Aggriga) nas instalacións da industria cárnica J. Taboada de Sada, matadoiro que foi adquirido por esa entidade en 2020 cando se atopaba en concurso de acredores.
O matadoiro áchase nunha situación delicada, aínda que a débeda foi reducida até se situar en 90.000 euros. O problema é que parte dos seus activos -300 mil euros- están pignorados (retidos) e non poden ser utilizados para liquidar o concurso. “Hai un problema de financiamento e a Xunta -a través de XesGalicia- é incapaz de darlle solución”, relata Queixas.
A candidata -que estivo acompañada polo ex deputado Xosé Luís Rivas, Mini- comprometeu o apoio do Goberno galego “a un proxecto empresarial que ten demostrado que é perfectamente viábel”.
O proxecto é unha cooperativa que agrupa a uns 200 gandeiros, capaces, grazas a dispor dun matadoiro, de facer chegar directamente os seus produtos ao consumidor final sen pasar polos intermediarios.