A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou hoxe en Vigo que o vindeiro domingo “miles de galegos e galegas se manifestarán en defensa da Sanidade pública, mentres Feixóo se manifesta en Madrid coa extrema dereita.”
Este domingo, dixo Pontón, veremos o lonxe que está o Partido popular de Galiza porque ese día haberá dúas mobilizacións. Unha, na que estará Feixóo “de ganchete” coa extrema dereita en defenda duns valores desfasados e contra os intereses de Galiza e súa xa limitada autonomía. “Unha manifestación que defenderá o racismo, o machismo, a xenofobia e o odio”, mentres en Galiza, o BNG participará na manifestación con miles de galegos e galegas para defender, dereitos fundamentais como a sanidade pública.
Unha vez máis, dixo Pontón, o Presidente da Xunta demostra que é Casado quen marca a súa axenda política pero tamén a axenda de traballo até o punto de modificar a súa viaxe a Miami. Pablo Casado “chama a rebato” e obriga a Feixóo a ir a mobilización de Madrid, unha mobilización, insistiu Pontón que vai en contra de Galiza.
FEIXÓO, “MONICREQUE” DE PABLO CASADO
Pontón explicou que estamos ante unha escalada na que o Presidente da Xunta demostra, día a día, ser “un monicreque” de Pablo Casado e da estratexia de radicalización extrema na que se situou o Partido popular. Neste sentido, cualificou de “gravísimo” que o PP utilice á Xunta de Galiza para facer “partidismo cutre”. Os galegos e galegas non somos xente extremista e estamos moi lonxe de posicións “racistas, machistas e antigalegas” como as exhibidas por esa “dereita botada ao monte, desbocada e que perdeu o sentido da realidade”. A Xunta de Galiza non debe facer declaracións institucionais partidistas e si queren criticar o modelo de Sánchez, recalcou a líder do BNG, Feixóo e Rueda poden ir a sede do Partido popular e facer todas as valoracións que desexen pero nunca utilizar en nome dos galegos e galegas, unha “estratexia radicalizada e onde Feixóo é un recadeiro de Casado”.
AS MULLERES NON SOMOS INCUBADORAS DE COTIZANTES Á SEGURIDADE SOCIAL
Nun encontro con responsables municipais do BNG dos concellos de: Baiona, Nigrán, Redondela, Soutomaior, Vigo, Pontesampaio, Vilaboa, Moaña e Cangas, a eurodutada, Ana Miranda e o candidato á Alcaldía, Xavier Pérez, en relación a situación medio ambiental da Ría de Vigo, a portavoz nacionalista asegurou que como muller e galega síntese “ofendida e insultada” polas declaración de Pablo Casado ao que replicou que as mulleres “non somos incubadoras de cotizantes á Seguridade social” e debería pedirnos desculpas porque, si non o sabe, as mulleres, sentenciou, “temos dereito a decidir sobre o noso corpo” e o problema demográfico, “non é responsabilidade das mulleres”. Pontón reclamou que Feixóo pida a Casado que retire as súas palabras que cualifico de “ofensivas para a dignidade de todas as mulleres”.