A deputada do BNG, María Albert formulou unha pregunta ao conselleiro de Economía, Emprego e Innovación, Francisco Conde sobre as medidas previstas polo goberno para defender os postos de traballo de Iberdrola en Valdeorras ameazados polo peche do Centro de Operacións de Cunca do Sil que será efectivo entre os meses de abril e maio e que suporán “a labazada definitiva” de Iberdrola a Valdeorras.
A parlamentaria lembrou que hai dous anos, ante o posible peche, o BNG defendeu unha iniciativa “aprobada por unanimidade” que comprometía ao Parlamento a instar á Xunta a defender os postos de traballo de Iberdrola na Comarca de Valdeorras e exixirlle á dirección de Iberdrola poñer freo ao desmantelamento de servizos no territorio.
A deputada preguntou a Conde, como máximo responsable de política industrial, que vai facer o goberno para impedir a deslocalización e perda de 20 postos de traballo na Rúa, 16 deles de alta cualificación pola deslocalización dos postos de traballo de Iberdrola en Valdeorras a Salamanca.
Tras a intervención do conselleiro de Economía que eludiu enunciar algunha medida na liña exixida polo BNG, a nacionalista pediu, “altura de miras” e deixar de actuar como “delegados territoriais” da empresa en Galiza. Albert corrixiu ao membro do goberno e afirmou que son vinte os postos de traballo ameazados e non oito como asegurou o conselleiro.
Por outra parte, a deputada asegurou que hai opcións e preguntou por que non pode ser o da Rúa un centro sombra do novo centro de Salamanca?.
Iberdrola, afirmou é “un símbolo para a Rúa” e o seu peche representa ademais da perda de postos de traballo “afundir un pouco máis no abandono á comarca de Valdeorras”. Pechan as nosas estacións de trens, déixanos fora das principais vías de comunicación, desmantelan a nosa sanidade e continuamos cun proceso de desindustrialización que agrava o despoboamento crónico a comarca por falta de alternativas de futuro. Valdeorras perdeu nos últimos 40 anos un 26,33% de poboación e a día de hoxe só contamos con 252 industrias dadas de alta en Valdeorras das que só 12 contan con máis de 50 empregados. A parlamentaria reclamou o compromiso da consellería de Economía e unha “aposta real” por unha política económica e enerxética que “non condene á morte a comarca de Valdeorras”.
“Non asuman como propio o discurso da empresa e defendan os intereses de Galiza fronte ao espolio continuado dos nosos recursos”. Non permitan que Iberdrola se enriqueza dos bens deste país sen que parte desa riqueza retorne á comarca de Valdeorras, sentenciou.