A deputada nacionalista, María Albert, recriminou ao director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, que non “vexa ningún problema” na emisión por parte dos medios de comunicación públicos de mensaxes que apuntalan o machismo e a violencia contras as mulleres, en alusión á promoción da serie televisiva Saudade de ti, na que se empregan frases tan significativas como “O amor de verdade fai sufrir”.
“Que non vexa o problema que hai na emisión deste tipo de mensaxes confirma que vostedes non están capacitados para dirixir os medios de comunicación públicos deste País”, reprobou con rotundidade logo da que definiu como “escandalosa” resposta do director da compañía a unha pregunta da deputada nacionalista sobre este asunto na comisión permanente de control da CRTVG no Parlamento.
“Como van os medios públicos a incorporar e transmitir perspectiva de xénero cando o seu director xeral nin sequera ve o problema?”, cuestionou con severidade logo de tachar de “irresponsabilidade” a emisión deste tipo de mensaxes que avivan os mitos do amor romántico que precisamente apuntalan o machismo e a violencia contra as mulleres.
Albert advertiu que este exemplo vense sumar a moitos outros que evidencian a total ausencia de perspectiva de xénero na programación dos medios públicos galegos e, neste sentido, recordou a “encerrona” a unha moza que sufría acoso para reencontrarse co seu ex mozo no programa Land Rober, a banalización de casos de violencia machista no espazo Quen anda aí? ou a emisión de reportaxes nas que se recollen mensaxes como “Os cus grandes están de moda”.
A deputada nacionalista exixiu ao máximo responsable da CRTVG “responsabilidade co que emiten” nos medios “que pagamos entre todas e todos os galegos” e que, segundo recalcou, teñen a obriga de formar e educar en igualdade e con perspectiva de xénero, tal e como recolle a Lei de Medios que se segue incumprindo, ao igual que en tantas outras cuestións, tamén neste ámbito de actuación.
Neste contexto, Albert urxiu ao director xeral da compañía o Plan de Igualdade que o ente tiña que ter xa dende 2018 e que segue sen presentar, o que implica que “se multipliquen os casos de contidos machistas” ante a falta de medidas de carácter transversal que, ademais das formativas, velen polo cumprimento dos códigos deontolóxicos nesta materia. “O que lle estamos reclamando é que recapaciten, porque a violencia machista é un problema social de primeira magnitude, e que aproben ese Plan de Igualdade e o apliquen de verdade”, resumiu para concluír a súa intervención.
Olalla Rodil exixe responsabilidades ante os fallos xudiciais contra a compañía
Na mesma comisión, a deputada Olalla Rodil exixiu ao director da CRTVG a asunción de responsabilidades pola sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que condena á compañía por violar os dereitos fundamentais dun traballador, Carlos Jiménez, e que se suma ás ducias de fallos xudiciais condenatorios ante a improcedente maneira de actuar do ente nas relacións laborais co persoal.
“En calquera democracia, feitos tan graves como a condena por vulneración de dereitos fundamentais como é o caso de Carlos Jiménez, ou a máis recente por despedimento improcedente, suporían de inmediato a dimisión da persoa ou persoas responsables de tan graves feitos”, recriminou ao máximo responsable dos medios públicos galegos, ao que lle recordou que o BNG xa pediu a súa reprobación no Parlamento diante da gravidade do que está acontecendo. “E non é a primeira vez que o facemos porque non imos permitir que esta situación se manteña máis tempo e non imos comulgar con isto ou facer como se non acontecese nada”, concluíu.