A deputada do BNG, María Albert criticou que o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo esquivara as preguntas formuladas polo BNG e negara “o desmantelamento encuberto” do medio público, a pesar dixo, da grande documentación que existe nesta materia.
Desde o BNG, recalcou Albert, cando afirmamos que existe un desmantelamento, sabemos do que falamos porque se está a “subcontratar a produción audiovisual e externalizar a maior parte da programación da Corporación da Radio Televisión de Galiza” e agora, temos que engadir unidades móbiles paradas e “pagadas con máis dun millón de euros públicos” prorrogando un contrato cunha empresa pública.
Por outra lado, Albert reiterou que esta contratación non está xustificada na necesidade de medios externos e basease, segundo a dirección en que “a CRTVG non conta con medios propios para cubrir as necesidades de carácter técnico profesional existindo no mercado empresas especializadas polo que resulta necesario realizar esta contratación” e “non se considera conveniente ampliar os medios persoais e materiais cos que conta a Corporación da Radio Televisión de Galiza para cubrir ditas necesidades” polo que a deputada preguntou sobre que criterios económicos ou de eficiencia “non o consideran conveniente, e polo contrario resulta “moi conveniente” contratar unha empresa de fóra.
Para a nacionalista, a CRTVG suprimiu un servizo xa renovado que podía cubrir boa parte desta función. A CIG, lembrou a deputada, tras analizar dous meses de escaletas concluíron “que en 59 días, Oberon non prestou o servizo simultáneo coas dúas unidades móbiles en ningún día”. Ou sexa, que asinan un contrato por seis meses e durante dous non o executan. E en 19 días deses dous meses non foi utilizada ningunha, e para iso “gastamos un millón de euros para ter as unidades móbiles”, criticou a nacionalista.
Este proceder, afirmou Albert, confirma “a mala xestión dos recursos públicos” e preguntou se volverán a sacar en xullo o concurso para contratar unidades móbiles e en que condicións.
A parlamentaria tamén preguntou si existía algunha relación entre o contrato coa empresa Oberon e o seu director nos anos 2016 ao 2021, actual subdirector de medios da CRTVG.
María Albert lamentou que, unha vez máis Sánchez Izquierdo declinara responder as cuestións formuladas entre elas se o contrato das unidades móbiles “que na actualidade permanecen paradas e aparcadas” será prorrogado.
Por outra parte, a tamén parlamentaria do BNG, Olalla Rodil preguntou sobre a información local e cobertura informativa territorial da CRTVG. Na súa intervención, lembrou que “foron suprimidas as delegacións territoriais de Ferrol, da Mariña e de Pontevedra así como as desconexións locais, primeiro na radio e logo na tele”.
A deputada afirmou que esta medida “vai en contra do que esixe a lei da CRTVG”, e as audiencias demostran que “a xente quere información próxima, quere saber o que lle acontece ao pé da casa, na súa vila, na súa provincia e no seu país”.
Agora a información local é unha anécdota, relegada ao final da grella, e convertida as máis das veces nun relatorio de festas, accidentes, atracos, concluíu a nacionalista.