A organización xuvenil do BNG concentrouse na mañá deste sábado no concello de Noia, convocados baixo o lema “Contra o exército e o gasto militar. Máis berberechos, menos metralletas”, para denunciar o incremento do gasto militar anunciado nas últimas semanas polo goberno do Estado.
O acto, ao que asistiron medio centenar de mozas e mozos, tivo lugar no Paseo Marítimo da vila e fíxose coincidir coa Xura de Bandeira que o Exército de Aire levaba a cabo tan so uns metros máis arriba, na Alameda do Concello. Así o sinalou Tamara Vidal, responsábel comarcal da organización, na súa intervención: “hoxe está o exército español na nosa vila, mais a mocidade galega temos claro cales son os nosos verdadeiros intereses e non teñen nada que ver cos do imperialismo que está alí arriba”. Vidal tamén criticou o desleixo das institucións coa súa ría: “a nosa costa non se protexe cos avións de combate, protéxese con políticas medioambientais que garantan a protección e o futuro dos nosos ecosistemas”.

Pola súa banda, a Secretaria Xeral da organización condenou o anuncio do goberno español de incrementar ata o 2% do PIB o gasto militar: “iso significa destinar miles de millón de euros á guerra, que non á nosa seguridade, cando o que precisamos é investimento en servizos sociais, en emprego digno ou en protección ambiental” denunciou durante a súa intervención. Gómez tamén puxo o foco en que “non é ningunha sorpresa que o Partido Popular e o PSOE estean perfectamente de acordo nisto, pois cando se trata de defender un estado que goberna para os intereses do grande capital e subordinados a Washintong e a Bruxelas ambas forzas coinciden plenamente”.
Para rematar a súa intervención, Marta afirmou que “non atoparán a complicidade da mocidade galega para ser peóns no seu xogo da guerra” e sinalou que “a mocidade galega queremos un futuro na nosa terra, con emprego digno, con servizos de calidade e cunha economía que respecte a nosa identidade e os nosos recursos. Nese camiño atoparannos sempre coa man tendida”, sentenciou.
O acto rematou co despregamento dunha bandeira da patria de grandes dimensións, “a bandeira que realmente defende os intereses das galegas e dos galegos” dixeron dende a organización xuvenil, e tamén co canto do himno galego.