Luís Bará, cabeza de lista do BNG por Pontevedra, afirmou hoxe en Moaña que o BNG traballará dende a Xunta por unha sanidade pública de calidade “na que se entre coa tarxeta do SERGAS e non coa tarxeta de crédito”. Así o asegurou no mitin comarcal do Morrazo, onde comprometeu a recuperación das urxencias e os servizos anteriores á pandemia, así como o reforzo do servizo de ambulancias cando Ana Pontón chegue á presidencia do goberno galego.
Bará destacou que esas eleccións son fundamentais para o futuro do país. “Non só nos xogamos un cambio de goberno, xa de por si saudable. O 18 de febreiro decidimos algo máis importante: a oportunidade de abrir unha nova etapa na historia do noso país, de comezar unha nova era. De rexeneración, de reactivación, de impulso, de ilusión, de esperanza. Os días que restan de campaña serán decisivos para escoller entre continuísmo ou cambio: trece días para cambiar a historia, para facer que Galiza teña por primeira vez na historia unha muller presidenta,”, salientou.
O cabeza de cartel defendeu a necesidade de desbotar definitivamente os recurtes do Partido Popular e sinalou que o goberno do BNG porá por diante, como prioritarias, todas as políticas de defensa e fortalecemento dos servizos públicos esenciais: da sanidade pública, do ensino público, dos coidados, da atención á infancia, á vellez, e á dependencia.
“Esta vai ser con certeza a prioridade número un do goberno do BNG xunto coa reactivación económica e a creación de emprego”, dixo, subliñando que tanto a manifestación do pasado domingo como as eleccións do día 18 son para defender unha sanidade pública de calidade, “na que se entre con esta tarxeta, coa tarxeta do SERGAS, e non con esta, a tarxeta de crédito”, dixo amosándoas.
Anunciou, por iso, que o Bloque activará un Plan urxente para a Atención Primaria mobilizando 200 millóns de euros para cubrir as vacantes existentes de profesionais sanitarios, devolvendo así a Moaña o servizo de urxencias e o reforzo de ambulancias que se leva a reclamar dende hai 114 semanas na rúa por parte de concello e veciñanza.
Bará tamén comprometeu un plan de choque para actuar nas estradas autonómicas competencia da Xunta co fin de mellorar a seguranza viaria tanto das zonas rodadas como das liñas peonís. Criticou ao desleixo do PP tanto na PO-313 como na PO-551 que atravesan as parroquias de Moaña en zonas urbanas polo estado deplorable das beirarrúas que, ou ben non existen, ou ben están sen adaptar a persoas con mobilidade reducida ou, simplemente, sen mantemento algún. Engadiu, por outra banda, que a Xunta encargarase do mantemento dos centros de ensino, ademáis de garantir máis profesionais.
Para facer fronte a estas cuestións, Bará destacou que Galiza precisa un cambio de rumbo ante os 15 anos de desleixo do Partido Popular. Puxo sobre a mesa que a a campaña vai moi ben para o BNG, ao que as enquisas sitúan por riba do 30% dos apoios e ao PP por debaixo do 40%, mais salientou que “non hai nada feito”.
Pediu por iso a todas as persoas asistentes ao mitin que “traballen” ata o 18F porque “hai moita xente aí fóra que vai decidir o voto na campaña, máis de 450.000 persoas que van decantar o resultado final”. Insistiu en que o cambio será posible se se dan dúas premisas: unha grande participación da xente que quere sacar ao PP do goberno, e a concentración do voto no Bloque, “a única opción en disposición de disputar a presidencia ao Partido Popular”.
Cambiar a receita
Pola súa banda, o tamén candidato Paulo Ríos ‘Kai’, sinalou que a Moaña e a Galiza en xeral non lle foi ben co Partido Popular nestes 15 anos, polo que animou a “cambiar a receita” para os vindeiros catro anos. Pediu por iso a confianza no BNG para un futuro mellor para o país, lembrando que hai moitos exemplos de concellos gobernados polo nacionalismo capaces de construír en positivo. “Imos tomar decisións en favor das galegas e dos galegos”, fixo fincapé.
Finalmente, a alcaldesa Leticia Santos recordou o listado de agravios da Xunta do PP con Moaña. Destacou que estas eleccións do vindeiro 18F serán un exame para Rueda e o Partido Popular no que a veciñanza ten que pensar “o moito que se xoga”.
Ademais de insistir na precaria situación da sanidade, a rexedora tamén lembrou a necesidade de solucionar dende o goberno galego os problemas das nenas e nenos en Moaña pola deficiencia da comida nos comedores escolares, que a Xunta ata o de agora non só non atendeu, senón que agravou ao readxudicar á mesma concesionaria o servizo a pesar das críticas das ANPAS.
Subliñou Santos a proposta a nivel municipal en consenso coa comunidade educativa para realizar unha reforma integral no colexio de Reibón, habilitando unha cociña que dea servizo de comidas en boas condicións a todos os centros de ensino do municipio. Tamén destacou a necesidade de aumentar o persoal docente e de apoio ante o crecente número de casos con necesidades educativas especiais.
Non deixou pasar a oportunidade de mencionar o SAF e a atención a persoas dependentes: “temas centrais que nós dende o concello identificamos como problemas; precisamos que a Xunta se faga cargo, xa que estamos abafados dedicando recursos para iso en lugar de atender cuestións da nosa competencia”.
Por último, a mandataria destacou a necesidade dun acordo para que constrúan o Auditorio municipal e as primeiras vivendas públicas de alugueiro social para as que se está a redactar o proxecto dende o Concello. “Son dúas cuestións competencias da Xunta. Fixeron auditorios por todo o país e nós estamos tirando para adiante sen apoio”, lamentou, para asegurar que “dende 18F, grazas a un goberno galego liderado por Ana Pontón, teremos interlocutores para que se fagan cargo”.