Luís Bará fai un balance crítico e negativo da xestión de medio ambiente na protección da paisaxe

Luís Bará
Luís Bará amosa unha foto do Pedregal da Irimia

Propón recuperar os casos históricos das cidades, frear os proxectos de megamineria, ordenar e defender o monte contra os incendios cun plan integral, ampliar a Rede Natura e preservar de contaminación os ríos e rías por actividades industriais

Trala  comparecencia da conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato para dar conta da política de paisaxe e ordenación do territorio, o deputado do BNG, Luís Bará salientou as carencias nos diversos ámbitos competencia da titular de Medio Ambiente entre as que destacou: a Lei de solo con continuas modificacións para  “saltar a  lei e as sentenzas xudiciais” relacionadas cos  plans urbanísticos de Ourense e  Vigo. Vostedes, dixo, tiveron que improvisar e por iso modificaron a lei en catro ocasións, “esa non é a forma de planificar nin  ordenar un  territorio”.

A lei de protección de paisaxe de Galiza, aprobada hai dez anos, deu algún paso pero foron  pasos lentos e tardíos e  agora toca facer balance. Pola nosa  parte, afirmou o deputado,  este balance  debe ser “moi crítico” porque nestes dez anos segue habendo asignaturas  pendentes entre as que destacou,  as directrices da paisaxe, aínda en  proceso de tramitación.

En Galiza continuamos tendo grandes áreas degradas por vías eléctricas de alta tensión, explotacións mineiras, canteiras e extracción de áridos, actividades mal integradas na paisaxe, zonas abandonadas e “repoboación forestais alóctonas” e a Xunta tiña que ter reaccionado contra estes elementos que impactan moi negativamente no noso territorio pretende  resolvelo con “dúas guías de boas practicas”. Unha sobre explotacións   forestais e outra sobre a minería despois da “desfeita” que permitiron nestes ámbitos.

Para o deputado, hai moito traballo pendente como a posta en práctica dunha materia no ensino sobre paisaxe e moitos aspectos da Lei sen desenvolver. Trala intervención da titular de Medio Ambiente criticou que despois de 9 anos, o PP veña ao Parlamento a anunciar que empezará a desenvolver una Lei aprobada no ano 2008 , isto demostra  o  “fracaso” sobre o establecido na Lei de protección da paisaxe.

A estas alturas, non foi creado o Consello Asesor da Paisaxe de Galiza, “meten a paisaxe en vitrinas”, nun museo e cun catálogo que non recolle un cambio de modelo para a súa protección. O que necesitamos, recalcou Bará, “son medidas proactivas” porque a principal ameaza que temos é o deterioro da paisaxe e do patrimonio como vostedes mesmos recoñecen no “Plan director de Turismo”.

O parlamentario  amosou, dende a tribuna,  diversas fotografías para denunciar que a Xunta utilizou como reclamo turístico as “balsas contaminadas de Neme” devastadas polos lodos tóxicos, vostedes, ironizou,  “fan da “necesidade, virtude”. Tamén amosou unha imaxe do pedregal de Irimia ameazado pola plantación de eucaliptos, un lugar simbólico que merece protección pero sobre o que  unha vez máis, “non se deu  nin o primeiro paso”.

Bará salientou  os efectos dos incendios e o  impacto de Ence-Elnosa e reiterou que é necesario “un cambio de rumbo na política de medio ambiente” para protexer os montes contra os lumes, frear a megamineria, protexer o patrimonio natural, preservar os ríos e rías da contaminación industrial e sobre todo, outro modelo de cidades coa recuperación dos cascos históricos.
 

A Xunta promociona a “matanza de raposos”

Na súa intervención, Bará denunciou a “masacre  de raposos”  producida nas pasadas semanas, e explicou que  “o raposo”,  tamén é paisaxe. Unha matanza disfrazada de competición deportiva cando en realidade consiste en matar ao maior número de raposos no menor tempo posible. Para o deputado, resulta  “inxustificable” que a Xunta “consinta, promova e promocione” esta actividade  a través do convenio da consellería de Medio Ambiente coa Federación Galega de Caza e considerou  unha contradición alentar unha Lei de benestar animal e ao tempo promocionar a matanza do raposo ou o tiro o “pombiño”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG