O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, defendeu en Agolada a finalización urxente da concentración parcelaria para potenciar novos proxectos e actividades relacionadas co agro e co forestal no concello. O candidato así o anunciou nun encontro con representantes da asociación ‘Queremos parcelaria’, unha entidade que agrupa á veciñanza de oito parroquias nas que dende fai 18 anos está en tramitación unha concentración de 5.000 hectáreas que suporía, segundo dixo, “un grande dinamismo e oportunidades de xeración de emprego”.
“A parcelaria sería unha oportunidade de desenvolvemento e de xeración de riqueza e de atracción de xente para aumentar a poboación e dinamizar un concello eminentemente rural e do interior como o de Agolada que, como é característico, está nun proceso de declive e despoboamento”, subliñou Bará. Destacou que hai constancia de que nesta zona da ribeira do Ulla estanse a facer propostas para plantación de castaña, de oliveira, de mazá para sidra, naves de galiñas ecolóxicas para produción de ovos, e outros proxectos relacionados co gando porcino ou agrícolas, é dicir, proxectos diversificados “que son fundamentais para relanzar a economía da zona”.
Ademais do compromiso para impulsar a concentración parcelaria – que leva xa 18 anos de tramitación e está nunha fase moi avanzada logo de investir 830.000 euros- ao chegar á Xunta, o cabeza de cartel do BNG destacou que para a formación nacionalista é fundamental poñer en marcha unha nova política en materia de mellora das estruturas agrarias co fin de frear o proceso de continuo abandono da superficie agraria útil e tamén para contrarrestar a “extraordinaria fragmentación” da superficie tanto agraria coma forestal. Anunciou que o BNG vai impulsar dende o goberno galego unha nova lei de reforma das estruturas retomando o anteproxecto de lei que xa estaba en marcha en 2008 e que foi paralizado polo Partido Popular.
Polígonos agrarios
A nova Lei de Estruturas Agrarias terá como obxectivo actuar en zonas con clara vocación agraria ou gandeira - como o concello de Agolada- artellando tamén outros mecanismos de reforma estrutural diferentes á concentración parcelaria como son os polígonos agrarios de concentración ou polígonos agrarios de asociación que permitan a creación de unidades de xestión agraria e tamén no ámbito forestal a creación de unidades de xestión forestal.
Ao mesmo tempo, destacou Bará, será preciso deseñar infraestruturas viarias en función do uso agrogandeiro ou forestal, aproveitando na medida do posible o viario preexistente e evitando o forte impacto que teñen as redes viarias relacionadas coa concentración parcelaria. Tamén considerou imprescindible a transferencia a Galiza das competencias en materia de Catastro para actuar de xeito máis áxil e eficaz en todos estes procesos.
Por outra parte, o BNG propón a reactivación do Banco de Terras para facilitar o incremento da base territorial das explotacións dinamizando a incorporación de fincas de titulares particulares e tamén de titulares públicos das que o banco de terras asumiría a xestión, de maneira que se incorporarían ao patrimonio da comunidade autónoma as terras dos propietarios descoñecidos.
Finalmente, como actuación imprescindible, o Bloque propón a elaboración de plans de ordenación dos usos da terra e orientación de cultivos nos que se potencie a produción de alimentos relacionados coa actividade agraria que, segundo afirmou Bará, “é un déficit que ten Galiza e que debe contrarrestar máis nunha situación como a que estamos a vivir” Avogou tamén por poñer freo á forestación continuada de terras que teñen valor e interese agrario, “para o que propoñemos que nos vindeiros dez anos se poidan recuperar 100.000 hectáreas de superficie que se perdeu nos últimos anos polo abandono das terras e o abandono do rural”.