Galegas 2016

Luís Bará: “Apostamos polos proxectos empresariais que trasladen ao mundo a idea dunha Galiza ambiciosa e innovadora”

arnoia3
arnoia3
  • O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra louvou hoxe o traballo da empresa Arnoia, que dende o polígono de A Reigosa distribúe libros a máis de 40 países
  • A candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, anunciou que o BNG propón crear unha rede de embaixadas comerciais para promover o comercio galego no exterior

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe a necesidade de apostar polos proxectos empresariais que trasladen ao mundo a idea dunha Galiza ambiciosa e innovadora, que mira para fóra porque quere chegar lonxe. Así o asegurou durante a visita á empresa Distribucións Arnoia, no polígono de A Reigosa, que cualificou de “proxecto punteiro”, xa que está a levar libros dende Ponte Caldelas a máis de 40 países de todo o mundo grazas a unha valente visión empresarial e a unha aposta pola modernización e a innovación.

“É preciso visualizar proxectos empresariais punteiros como Arnoia, dentro do ámbito empresarial da cultura, que representa a idea de país que nós queremos, dun país que cre en si mesmo, que é capaz de desenvolver proxectos potentes e innovadores, que saen ao exterior e teñen éxito no mundo. Queremos hoxe transmitir o noso recoñecemento aos proxectos ambiciosos que hai no país porque é posible saír adiante cos nosos recursos. É posible, pódese facer e dende os gobernos e as institucións temos que apostar por este tipo de proxectos”, sinalou o nacionalista.

Bará realizou estas declaracións durante a visita a Arnoia, na que estivo acompañado pola candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e outros representantes institucionais e orgánicos do BNG no concello de Pontevedra e no de Ponte Caldelas.

Aposta por derrubar as  tutelas

A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, destacou tamén a capacidade de Arnoia como proxecto  pioneiro e con vocación de internacionalizar empresas para xerar emprego en Galiza. Asegurou que nun momento de crise, as empresas que apostaron pola internacionalización resistiron moito mellor a situación e conseguiron non destruír o emprego no país.

“Dende o BNG  sabemos que Galiza pode saír adiante se contamos coas ferramentas para  deseñar estratexias propias que  desenvolvan todas as nosas potencialidades. Somos  a candidatura que pensa que sen tutelas e  e subordinacións vainos  ir moito mellor. Só desa maneira -remarcou a candidata- sairemos do pozo das políticas do Partido popular e o modelo da dependencia. Queremos autoresponsabilizarnos do noso futuro”.

A nacionalista aproveitou a visita para anunciar que o programa do BNG contén entre as súas medidas a internacionalización  das empresa galegas a través da creación “dunha rede de embaixadas comerciais que aposten por poñer en marcha unha estratexia comercial galega no exterior”.

Así mesmo, reclamou para Galiza  as competencias do Estado en materia de comercio exterior para deseñar unha estratexia galega que responda “ás nosas necesidades”. “Non é o mesmo –dixo- a estratexia para comercializar un viño Rioxa que a un viño Albariño das Rías baixas ou do Ribeiro. Necesitamos ter os instrumentos para internacionalizar as nosas empresas como eixo para consolidar o emprego no noso país”.

Ademais recalcou que hai unha prioridade para a internacionalización das empresas galegas impulsando os vínculos coa lusofonía onde “temos unha grande oportunidade para abrir novos mercados a través da lingua”. A candidata do BNG sumou a estes mercados os de China ou Xapón, mercados que na actualidade contan  cunha certa introdución pero aínda insuficiente.

Forte compromiso co idioma e a modernización

Representantes de Arnoia, pola súa banda, agradeceron a visita do BNG e sinalaron que “está ben poñer o nome dunha empresa pioneira como é Arnoia en sectores como a distribución, pero tamén e- books, impresión baixo demanda, exportación. Temos un conglomerado e unha potencialidade descoñecida por parte da sociedade galega”, segundo dixo o responsable de relacións internacionais da firma, Xosé Manuel Figueiras.

Distribucións Arnoia é unha empresa creada en 1987 por veciños da comarca, que leva asentada catro anos no polígono de A Reigosa, onde investiu máis de seis millóns de euros nas súas instalacións. Conta cunha plantel de traballadores que pasa do centenar de persoas e que chega estacionalmente -nos picos de máis actividade (como agora na preparación da campaña escolar)- a arredor de 180. Manexa máis de 600.000 referencias de libros en catálogo e ten máis de 150.000 libros en stock que son distribuídos por toda España e tamén polo estranxeiro. Así mesmo, o grupo de empresas tamén inclúe a rede de librarías Nobel, que 28 tendas en toda España, algunhas propias e outras en réxime de franquicia.

Todo o grupo de empresas está caracterizado por dúas cuestións: a defensa e compromiso coa lingua galega e a innovación e modernización. Neste último aspecto, cabe destacar a aposta polas mellora continuas no sistema de robotización e almacenaxe da nave de A Reigosa, onde se utilizan técnicas similares ás sector farmacéutico melloradas e personalizadas para manexar os milleiros de referencias editoriais que teñen á súa disposición.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG