O Bloque Nacionalista Galego realizou un encontro co candidato ao Congreso dos Deputados por Ourense, Iago Tabarés, na Casa da Cultura do concello do Carballiño. O candidato estivo acompañado por membros da candidatura municipal coma o cabeza de lista, Chema Ferreiro, e a número dous da candidatura, Sofía García.
O candidato ao Congreso dos Deputados, Iago Tabarés, comezou a súa intervención mostrando o súa solidariedade e apoio ás traballadoras e traballadores de GRI Tower durante o encontro. “Dende o BNG adquirimos o compromiso de que, en todas as institucións nas que estamos e estaremos, aprobaremos iniciativas a prol de que a empresa leve a cabo os acordos pactados coa clase traballadora” sinalou o candidato Tabarés.
Continuou explicando que son 350 postos de traballo os que “están en xogo” debido, en parte, ás políticas da empresa e á actual Reforma Laboral que “non foi derrogada polo Partido Socialista”. “Estaremos no Congreso dos Deputados e seremos chave para derrogar as Reformas Laborais tanto do PP coma do PSOE” sinalou Tabarés.
Sobre pequeno, voto dobre
“Moita xente botou de menos ao BNG en Madrid defendendo os intereses do país, con independencia de a quen votasen, pero que saben da importancia de ter voz propia no Congreso” argumentou o candidato. Remarcou a necesidade da mellora dos servizos públicos de calidade, sobre todo en sanidade e educación, así como as medidas transversais para frear a sangría demográfica están entre as prioridades do candidato a partir do 28A. “Precisamos un cambio radical e iso pasa pola confianza nas propias forzas para defender os intereses desta provincia no Congreso”, concluíu Tabarés.