Frente do BNG nas Cortes Xerais para parar o xenocidio que o Estado de Israel está a cometer en Gaza

Carme da Silva e Néstor Rego
Carme da Silva e Néstor Rego

“Hai que levar á Corte Penal Internacional os asasinos de crianzas. Netanyahu e os principais dirixentes da entidade sionista” defende o BNG

Néstor Rego e Carme da Silva asinan a iniciativa popular internacional #JusticeForGaza e reclaman ao Goberno do Estado que condene o xenocidio e rompa relacións diplomáticas con Israel

Embargo de armamento, cesamento do fogo e apertura urxente de corredores humanitarios: entre as demandas principais

O Bloque Nacionalista Galego exixe o embargo do armamento, a apertura de corredores humanitarios e o cesar fogo na Faixa de Gaza, así como romper as relacións con Israel, que está a cometer crimes de guerra e de lesa humanidade e está a levar a cabo un xenocidio contra o pobo palestino. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a senadora do BNG, Carme da Silva, súmanse á campaña internacional #JusticeForGaza que demanda levar á Fiscalía da Corte Penal Internacional (CPI) Netanyahu e a diversas autoridades do Goberno de Israel.

“Van máis de 10.000 persoas, máis de 4.000 crianzas, asasinadas polo entidade sionista. Pola contra, non hai reaccións contundentes por parte do Goberno do Estado nin pola Unión Europea” denuncian. Neste sentido, o BNG reafirma o seu compromiso en defensa da liberdade do pobo palestino e seguirá a reclamar, tanto nas rúas como nas institucións, o cesamento do fogo e a apertura de corredores humanitarios para asistir o pobo palestino, especialmente os hospitais.

Alén do mais, a organización nacionalista exixe o embargo do armas e a ruptura das relacións diplomáticas con Israel por parte do Goberno do Estado español. “Hai que levar á Corte Penal Internacional os asasinos de crianzas. Netanyahu e os principais dirixentes da entidade sionista” exixe o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.

Máis voces se suman para demandar o cesamento do fogo: #JusticeForGaza

Carme da Silva e Néstor Rego asinaron a iniciativa popular #JusticeForGaza que promove que a Fiscalía da Corte Penal Internacional investigue e xulgue o Goberno de Israel polos crimes de guerra e de lesa humanidade cometidos na Faixa de Gaza desde o pasado 7 de outubro. “Deben ser acusados por xenocidio, por crimes de lesa humanidade e por crimes de guerra. Debe existir unha orde de arresto contra Netanyahu e Galant” sinala da Silva.

“Esta é unha petición que está a gañar apoio internacional, incluídos mandatarios non europeos. Temos unha Unión Europea absolutamente submisa ao amigo norteamericano e, por tanto, entregada ao xenocidio israelí. No caso do Estado español, un goberno compracente, que nin condena nin critica Israel e unha dereita ultra e ultradereita que apoian aberta e descaradamente o masacre. Unha auténtica vergoña” denuncian.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG