Parlamento Galego

Expertas e colectivos sociais afectados toman a palabra sobre Altri nunha nova xornada do Parlamento Aberto do BNG

Manifestación Altri (15-12-2024)
Manifestación Altri (15-12-2024)

O Bloque organiza a xornada despois do veto do PP a escoitar na Cámara opinións diferentes sobre o que implica a implantación da macrocelulosa

As consecuencias que terá para Galiza unha macrocelulosa como a que Altri, da man do Goberno do PP, quere implantar en Palas de Rei centrará mañá, sábado, a nova edición do Parlamento Aberto do BNG, que nesta ocasión celébrase baixo o título Contra Altri, polo futuro. O pobo ten a palabra!.

O profesor do departamento de Economía Aplicada no Campus Terrada USC, Bernardo Valdés, será o encargado de abrir este xornada de análise cunha exposición sobre o impacto socioeconómico do proxecto Gama nunha comarca de marcado carácter agrogandeiro e cun gran valor medioambiental.

Na primeira parte do foro, que estará moderado pola viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, intervirá tamén Serxio Núñez, representante de Santiso Vivo, para falar da participación das entidades socias da zona na loita contra a pasteira.

Tras a intervención da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a segunda parte do Parlamento Aberto deste sábado afondará no impacto  da macrocelulosa de Altri na contorna, no río Ulla e na ría de Arousa. Neste caso, a moderadora será a portavoz de mar do BNG, Rosana Pérez, e os relatores Marta Gontá, portavoz da plataforma Ulloa Viva; Ana Fernández, doutora en hidroloxía e xestión de recursos hídricos e portavoz de augas de Adega; e Xaquín Rubido, biólogo e presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA).

O BNG decidiu celebrar este foro aberto, que terá lugar la Sala Fontán do Parlamento, diante da alarma social xerada pola posibilidade de que no corazón de Galiza se implante unha auténtica bomba ambiental. Unha alarma social que quedou en evidencia despois da histórica manifestación á que asistiron en Santiago milleiros de persoas o pasado mes de decembro, a protesta máis multitudinaria das que se teñen celebrado na capital do País dende a do Prestige.

A celebración deste foro chega ademais despois de que o PP decidise, co seu voto, vetar  a participación de expertos e representantes de colectivos sociais afectados pola implantación de Altri nas comisións do Parlamento, tal e como solicitou BNG seguindo a filosofía de abrir o Pazo do Hórreo á xente e abordar un asunto que afecta a todo o País desde diferentes puntos de vista. 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG