As dúas varas de medir da xustiza española: luva de seda coa Casa Real, man de ferro con Catalunya

32381912240_06481722e6_k
  • A dirección do Bloque transmite total apoio ás persoas inhabilitadas pola consulta ao pobo catalán e en defensa do dereito de autodeterminación

A executiva nacional do BNG transmite todo o seu apoio aos responsables políticos inhabilitados polo simple feito de convocar unha consulta á cidadanía o pasado 9N, para facilitar que o pobo catalán expresase a súa opinión en relación ao proceso independentista que promove a maioría do Parlamento de Catalunya.

Para a dirección do Bloque, os 24 meses de inhabilitación ao ex presidente da Generalitat Artur Mas, e os 21 e 18 impostos á ex vicepresidenta Joana Ortega e á conselleira Irene Rigau, respectivamente, son unha proba máis da dobre vara de medir da Xustiza española, como se constata no trato dispensado aos e as representantes políticas cataláns fronte ao recibido polos membros da Casa Real na recente sentenza polo caso Noós. Luva de sede nun caso, man de ferro noutro.

A Executiva nacional do BNG denuncia que o Estado español non cumpre dereitos democráticos recoñecidos polos organismos internacionais, como é o dereito de autodeterminación dos pobos, ao tempo que reclama do Goberno central que abandone a súa estratexia antidemocrática de xudicializar debates políticos lexítimos, como o dereito á independencia e á autodeterminación que defenden de xeito maioritario os representantes do pobo catalán.

A vontade dun pobo non se pode inhabilitar, conclúe a dirección do Bloque Nacionalista Galego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG