O BNG recalca que a Deputación de Lugo no será ningunha excepción ao criterio político marcado pola formación nacionalista tanto antes como despois dos comicios do 26 de maio: facilitar gobernos alternativos á dereita en todas as institucións na que o resultado das urnas o faga posible. Nin por activa nin por pasiva o Bloque permitirá que goberne o PP en ningún concello ou deputación provincial cando exista unha opción alternativa, sempre en clave de país e de progreso.
A Coordinadora de Política Municipal, Eva Vilaverde, responde así ao escrito remitido polos populares de Lugo, lembrando que o proxecto político que o Bloque defende para as institucións provinciais está nas antípodas do que propugna o PP, cuxo modelo é o que pon en práctica en Ourense.
En todo caso, o BNG convida aos populares a colaborar para sacar adiante na Deputación de Lugo todas aquelas cuestións que redunden en beneficio da veciñanza e dos concellos de toda a provincia. “Confiamos na responsabilidade do PP na corporación provincial para que iso sexa así. O BNG traballará sempre nesa dirección, tratando de mellorar o funcionamento e a xestión de recursos na Deputación de Lugo”, conclúe Vilaverde.