A deputada do BNG Cristina Fernández Davila denunciou a “realidade virtual” debullada polo conselleiro de Educación no Pleno, “autopropaganda” que desmontou con datos oficiais que confirman os recortes en profesorado e unidades, peche de centros ou falta de servizos suficientes de conciliación. “O comezo de curso está sendo desmotivador e alarmante para o profesorado, para as direccións dos centros e para as familias”, criticou.
Cristina Fernández censurou así que os responsables da Consellería “miren indiferentes cara outro lado” e non escoiten nin ás familias nin aos docentes, empeñados en seguir adiante co seu obxectivo de “recortar os recursos e orzamentos ao ensino público en beneficio do negocio da educación privada”.
No ano 2009 Educación manexou un orzamento de 2.432.113 euros, que era un 22,31 % do total, mentres que no ano 2022 a cifra aumentou a 2.687.559, pero a porcentaxe baixa a un 20,50, “tendo pasado a friolera de 13 anos”, alegou. Destacou, tamén, os 1.900 millóns de euros que a Xunta vai destinar ás escolas privadas para os vindeiros seis anos mentres se recorta na pública.
A deputada nacionalista negou a “equidade” nas políticas educativas da Xunta do PP e, neste sentido, volveu reclamar a volta á gratuidade universal dos libros de texto porque “sae máis barato mercar libros para todo o alumnado para catro anos que dar cheques para unha parte das familias todos os anos que non cobren a totalidade dos manuais que precisan mercar”.
No mesmo sentido, asegurou que “non ten nada de equitativo pagar a totalidade das escolas infantís privadas ou entregar vales para viaxar sen criterios económicos de ningún tipo cando hai familias que teñen que decidir entre pagar o comedor escolar ás crianzas ou mercarlles unhas botas para o inverno”.
Recortes no profesorado, peche de centros e menos unidades
Fernández Davila acusou ao conselleiro de “disfrazar e maquillar os datos” e así, respecto ao profesorado, tirou do anuario Datos e Cifras do Ensino non Universitario da propia Consellería, segundo o cal en 2009 había en Galiza 31.375 docentes , 841 máis que no 2022, cando Feijóo renunciou á presidencia da Xunta. O mesmo ocorre co número de centros escolares públicos: 1.246 a finais de 2008 e hoxe 1.082, un 13 % menos.
Peches de centros e recorte de profesorado que o conselleiro xustifica na crise demográfica, aínda que o Instituto Galego de Estatística indica que o número de alumnos e alumnas de infantil, primaria, secundaria, bacharelato e FP ten aumentado dende o 2009 un 4,6 % ( de 364.129 a 380. 917), expuxo Cristina Fernández, que insistiu na realidade dos datos: dende o 2022 hai 187 centros de infantil e primaria; 262 unidades menos en infantil, primaria e mixtas; 257 unidades menos en Secundaria; 156 menos en Bacharelato e 89 menos en educación de persoas adultas.
Ratios ao límite nas cidades e vilas
Pero máis aló dos datos estatísticos, “todas as familias coñecen cal é a realidade nas aulas dos seus fillos e fillas”, salientou, aludindo ás ratios que “en grandes vilas ou nas cidades están ao límite legal”. A media galega é mellor, explicou, grazas aos centros rurais con pouco alumnado que aguantan para non ser pechados.
Cristina Fernández mencionou tamén as denuncias sobre recortes de profesorado feitas polas familias neste inicio de curso en centros como o San Luis Romero de Carballo, o colexio de Cabanas, no CEIP Bouza Brey de Ponteareas, no Wenceslao Fernández Flórez de Cambre, o da Gándara en Narón, o da Area en Laxe, o da Nosa Sra. de Lourdes en Mondariz Balneario ou o CPI Castro Baxoi de Sada, entre outros.
Respecto ao profesorado, acusou ao Goberno do PP de “desatender os seus dereitos laborais” e instou ao conselleiro a volver ás 18 horas lectivas para secundaria e as 21 en infantil, “dereito -subliñou- xa devolto no resto das comunidades autónomas do Estado”. “Por que non convocan todas as prazas vacantes de profesor xubilado? Por que seguen facéndolle contratos que rematan o 30 de xuño?”, preguntou a Román Rodríguez.
Fernández Davila denunciou así mesmo carencias na atención ao 25 % do alumnado con necesidades educativas especiais e, neste sentido, cuestionou que dúas horas á semana sexan suficientes para que estes nenos e nenas poidan avanzar.
“A realidade das familias no seu día a día é ben distinta a esa realidade virtual na que vostedes están instalados comodamente... Igual que os recortes que están a aplicar no ensino público, vostedes están baleiros de ideas e de propostas eficaces que poidan axudar a todas as galegas e galegos”, sintetizou a deputada do BNG ao final da súa intervención no Pleno.