parlamento galego

Cristina Fernández acusa ao PP de dar as costas ás familias que afrontan “afogadas” o inicio de curso máis caro da historia

Cristina Fernández
Cristina Fernández
O BNG pediu no Parlamento axudas extraordinarias para os fogares con menos recursos e retomar para o vindeiro ano a gratuidade universal dos libros de texto  

A deputada do BNG Cristina Fernández Davila acusou ao PP de dar as costas ás familias galegas que afrontan  “afogadas” o inicio de curso “máis caro da historia”, coa inflación disparada nun País, lembrou, onde case o 25 % da poboación atópase en risco de pobreza ou exclusión social, segundo os datos do INE de finais do 2022.

“O PP demostra ter corazón de ferro, é insensible e non ten capacidade de empatía coas familias que pasan dificultades nun contexto de agravamento da situación económica”, afirmou a deputada nacionalista tras rexeitar os populares a iniciativa do BNG para habilitar de maneira inmediata unha liña de axudas para material escolar e libros de texto, destinadas a aquelas familias con rendas inferiores a 12.000 euros per capita.

Na mesma iniciativa, o BNG pediu o restablecemento para o vindeiro curso da gratuidade universal dos libros de texto, un sistema posto en marcha durante o Goberno Bipartito e que o PP decidiu suprimir pese aos seus bos resultados, asegurou Fernandez Davila, quen subliñou as contradicións no argumentario dos populares, que negan os libros para todos pero utilizan cartos públicos para financiar escolas privadas “que utilizan moitas familias sen dificultades económicas”.

Segundo a deputada nacionalista, as axudas que existen na actualidade para material escolar e libros de texto non son suficientes para gran parte das familias galegas que, destacou, no inicio do novo curso escolar teñen que afrontar gastos de ata 450 euros por fillo.

Por iso, convidou ao Goberno do PP a “pisar á rúa e falar coa xente”, deixando a un lado “a propaganda e a realidade paralela na que vive instalado” e poñéndose ao carón dos galegos e as galegas que encaran este setembro un curso que arranca “nunha tormenta perfecta, cunha subida desorbitada de prezos, coa inflación máis alta en Galiza e os salarios máis baixos”.

Cristina Fernández destacou, neste sentido, que os libros de texto se pagan no País ata un 30 % máis caros que en países como Alemaña, “cando os salarios están preto de 600 euros por debaixo da media europea”, alegou.  Para dar conta da difícil “costa de setembro” en moitos fogares “que teñen que facer números para afrontar o día a día”,    salientou ademais que a taxa da inflación interanual en Galiza no mes de agosto de 2022 foi do 11 %, sendo entón a suba nos libros de texto do 1,5 %. Porén, neste 2023 a taxa de inflación foi do 2,3 % e a suba dos libros do 4,6 %.

O BNG reclamou tamén reducir o máximo posible o número de libros de texto, tendo en conta os novos sistemas educativos innovadores, “o que produciría beneficios físicos entre o alumnado ao non ter que cargar peso excesivamente pero garantindo a equidade entre o alumnado con respecto ao acceso dixital e tecnolóxico das familias”.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG