O Bloque Nacionalista Galego quere manifestar de forma pública a súa fonda preocupación e o seu contundente rexeitamento fronte a gravísima escalada represiva vivida nas últimas horas en Cataluña, con diferentes actuacións de evidente nesgo político e finalidade amedrantadora da sociedade catalá.
Non cabe outra definición diante do que está a contecer que falar de golpe de Estado contra o Goberno e as institucións propias de Cataluña. A detención de persoas, o asalto ilegal en departamentos da Generalitat e a persecución política contra os lexítimos representantes dunha parte maioritaria do pobo catalán esixen nesta hora que todas as persoas demócratas ergamos a nosa voz para denunciar este auténtico estado de excepción encuberto.
Non se trata xa de independencia ou non, trátase de garantir ou non uns mínimos democráticos que están sendo seriamente ameazados e violados por parte do Goberno español.
É por iso que desde o BNG chamamos abertamente á mobilización do pobo galego en solidariedade coa sociedade catalana. Neste sentido pedimos a participación masiva da nosa militancia e corpo social nas diferentes concentracións que esta tarde terán lugar convocadas pola plataforma GALIZA CON CATALUNYA.
Na liña do exemplar comportamento que a sociedade catalana leva mostrando desde hai anos, agora máis que nunca toca actuar con firmeza, serenidade e unidade ao redor da defensa dos dereitos e da democracia fronte as actuacións demofóbicas do Estado español.
CONCENTRACIÓNS:
- A Coruña: Diante da Subdelegación do goberno (Avenida da Mariña, 23). 20 horas.
- Ourense: Diante da Subdelegación do goberno (Rúa Parque de San Lázaro, 1). 20 horas.
- Pontevedra: Diante da Subdelegación do goberno (Praza de España, S/N). 20 horas.
- Vigo: Farola de Urzáiz (Entrada Rúa Principe). 20 horas.
- Lugo: Diante da Subdelegación do goberno (Rúa da Soidade, 10). 20 horas.
- Ferrol: Praza Amada García (Diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza) 20:30 horas.
- Santiago de Compostela: Praza do Toural. 20:30 horas.
Concentracións convocadas pola Plataforma Galiza con Catalunya.