Diante das declaracións e da intervención no Congreso dos Deputados do presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, desde o Bloque Nacionalista Galego queremos manifestar o seguinte:
- O Goberno Catalán fixo no día de onte un chamamento expreso ao diálogo e obrou en consecuencia -de xeito inequívoco- de cara a poder facilitalo. Rajoy tiña hoxe a oportunidade de recoller a man tendida de Puigdemont e abrir unha porta á solución do conflito político que se está a vivir en Cataluña, mais decidiu pechala dun portazo, dando máis unha vez unha mostra de inmobilismo, prepotencia e autoritarismo.
- Tras o uso da forza o 1 de outubro contra persoas que pacificamente querían exercer o seu dereito a se expresar en urnas, e tras a vulneración de múltiples dereitos e liberdades fundamentais no que se pode considerar un estado de excepción non declarado (prohibición de actos, censura de webs, rexistros en sedes de partidos e medios sen orde xudicial, detención de cargos públicos, anulación de Plenos non convocados, etc.) agora Rajoy, seguindo a pauta xa adiantada por Felipe VI, ameaza coa intervención por parte do estado da Autonomía de Catalunya a través do inicio do proceso de aplicación do artigo 155 , que poría en marcha unha nova escalada represiva a nivel xudicial e policial.
- É absolutamente intolerábel que ante a petición de diálogo e mediación internacional do presidente Puigdemont a resposta de Rajoy sexa novamente a ameaza, neste caso coa aplicación do artigo 155 da constitución española. Nunha democracia son absolutamente impresentábeis ameazas como as que transmitiu hoxe o señor Rajoy ou as que xa adiantou o señor Casado hai un par de días, anticipando unha posíbel reforma da Lei de Partidos de cara a ilegalizar formacións políticas independentistas.
- O BNG reafírmase na necesidade de buscar solucións políticas aos problemas políticos. A resposta xudicial, policial e/ou militar lonxe de arranxar nada, ao único que poden contribuír é a agrandalo. Desde o BNG facemos un chamamento a que o goberno español rectifique, acepte a petición de diálogo e intermediación internacional e que traballe para acordar unha solución democrática a este conflito que respecte o inalienábel dereito a decidir libremente o seu futuro do pobo catalán e o do resto de nacións do Estado.
- A única solución real e democrática á cuestión nacional no Estado español pasa polo pleno recoñecemento da realidade e natureza plurinacional deste e, consecuentemente, pola aceptación por parte do Estado do dereito a decidir dos pobos que hoxe facemos parte del e da plena capacidade para exercermos a nosa soberanía. Sen ese recoñecemento ningunha anunciada reforma da Constitución resolverá nada nin será máis que mera maquillaxe cosmética, unha simple operación para que pareza que algo cambia e en realidade todo siga igual.