A senadora do BNG, Carme da Silva, alén de que estará pendente de todas as actuacións do Goberno do Estado, será portavoz nas comisións do Senado de Igualdade, Políticas Integrais de Discapacidade, Traballo e Economía Social, Transformación Dixital, Transición Ecolóxica, así como de Vivenda e Axenda Urbana. Neste sentido, rexistra a solicitude de comparecencia na cámara alta de varios membros do Goberno do Estado para que expliquen as liñas de actuación que desenvolverán estes departamentos, sobre todo a respecto da Galiza.
Ademais de ser membro nato na Comisión Xeral de Comunidades Autónomas, a senadora do BNG será a portavoz de seis comisións na cámara territorial. Desde a Comisión de Igualdade até a de Vivenda e Axenda Urbana, pasando pola Comisión de Políticas Integrais de Discapacidade, Traballo e Economía Social, Transición Ecolóxica, así como de Transformación Dixital.
“A pesar de seren a voceira do grupo parlamentario nestas comisións, desenvolverei traballo en todas e cada unha das 31 que haberá no Senado en favor dos intereses dos e das galegas” subliña da Silva. Neste sentido, continúa a senadora nacionalista, o Bloque Nacionalista Galego comprométese a traballar na mellora da vida dos galegos e galegas, así como das maiorías sociais: “desde a mellora dos servizos ferroviarios, o aumento do financiamento autonómico e municipal, blindar e conquistar novos dereitos ou a defensa dos nosos sectores produtivos” exemplifica Carme da Silva.
Novas liñas de actuación para a nova lexislatura
Por outra banda, da Silva rexistra a solicitudes de comparecencia de grande parte dos novos ministros e ministras para que expliquen as principais actuacións que cada carteira desenvolverá durante esta lexislatura, sobre todo as liñas de actuación na Galiza. Transportes, Traballo, Igualdade, Transición Ecolóxica, Vivenda, Cultura, Sanidade, Agricultura e Pesca, Exteriores, Dereitos Sociais e Política Territorial: enumera a senadora do BNG.