A senadora do BNG por Galiza, Carme Da Silva, deixou claro no pleno do Senado o voto a favor da reforma puntual do artigo 49 da Constitución para eliminar o termo “disminuído” e incorporar unha linguaxe inclusiva.
Da Silva afirmou que “a linguaxe si importa, é o vehículo comunicativo máis poderoso que temos. A linguaxe non é neutral e pode marxinar, discriminar e denigrar. Por iso é importante incorporar a linguaxe inclusiva”.
Fixo un recoñecemento ao traballo das organizacións e asociacións que traballan no eido da discapacidade: “levan máis de vinte anos reivindicando a supresión desta terminoloxía ofensiva” e un recoñecemento ao seu labor en pro da inserción social, da igualdade e da necesidade de avanzar en políticas que ofrezan as mesmas oportunidades para participar nos ámbitos da sociedade.
“As palabras deben acompañarse de feitos: recoñecer o espazo público como dereito fundamental ou garantir a accesibilidade ás vivendas”.
Demandou máis políticas activas porque “é imprescindíbel acompañar as palabras de feitos”. Así, enumerou medidas como a importancia de recoñecer o espazo público como un dereito fundamental ao mesmo nivel que a sanidade e a educación. Modificacións lexislativas para garantir a accesibilidade nas vivendas porque “as persoas non poden estar confinadas nas súas vivendas porque non son accesíbeis”. Ademais, lembrou que a violencia machista “cébase especialmente coas mulleres con discapacidade. O 40% sofre violencia de xénero”.
A senadora do BNG recalcou que o que hoxe “se aproba profundiza en valores democráticos e se aliña coa Convención da ONU sobre Dereitos das Persoas con Discapacidade”. Lembrou que “é coñecido que o BNG cuestiona esta Constitución porque non resposta ao modelo territorial, está caduca e obsoleta”, mais quixo centrarse na modificación puntual e dar o protagonismo ao movemento cívico das persoas con discapacidade, mencionando organizacións como Cermi e Cogami.
Da Silva afirmou que “esta reforma recoñece un dereito para avanzar en igualdade real a un ritmo máis rápido” e apelou a “non consentir ningún retroceso”.