Senado

Carme da Silva: “É necesario avanzar contundentemente na acción lexislativa, executiva e xudicial contra a violencia machista”

Carme da Silva
Carme da Silva

A senadora do BNG defende a necesidade de que a Galiza conte con sete xulgados específicos de violencia machista e cos recursos necesarios para “combater esta lacra”

Todos os grupos do Senado, agás VOX, apoian a moción a favor da loita contra a violencia machista que incluía unha emenda do BNG

A senadora do BNG electa por designación do Parlamento Galego, Carme da Silva, defende avanzar de maneira contundente na acción lexislativa, executiva e xudicial na loita contra a violencia machista, non consentindo ningún retroceso ou negacionismo. Para este obxectivo, exemplifica da Silva, é necesario que Galiza conte con sete xulgado específicos de violencia machista –creando o de Lugo, Ourense, Compostela, Pontevedra e Ferrol- así como a dotación de todos os medios precisos para o seu funcionamento.

Co gallo do debate dunha moción presentada no Senado, da Silva defendeu a necesidade de combater o discurso negacionista da ultradereita –forza que goberna co PP en moitas CCAA e concellos- e avanzar de maneira contundente “na acción lexislativa, executiva e xudicial”.

Neste sentido, o BNG presentou unha emenda para engadir novos puntos na parte resolutiva co obxectivo de estabelecer os mecanismos e ferramentas necesarias para combater o discurso negacionista e banalizadores da violencia machista, así como reafirmar o compromiso coas medidas recollidas no Pacto de Estado contra a Violencia Machista, renovado en 2021.

“Mátannos ás mulleres polo simple feito de ser mulleres” denuncia

En 2023, segundo os datos oficiais ofrecidos pola senadora nacionalista, 51 mulleres foron asasinadas por violencia machista e dous casos máis están a ser investigados. “É insoportábel e é estrutural: mátannos ás mulleres polo simple feito de ser mulleres” denuncia da Silva.

Negar ou cuestionar esta realidade, continúa, implica unha ideoloxía machista e unha posición ideolóxica situada en parámetros antidemocráticos. “É unha volta ao pasado e no BNG seguiremos en pé loitando e traballando para acabar cun sistema patriarcal que nos oprime” enfatiza.

En contra dos discursos negacionistas. Ningún retroceso na loita contra a violencia machista

A organización nacionalista conseguiu engadir na moción debatida a introdución de varios puntos co obxectivo de completar a parte resolutiva, a favor da loita contra a violencia de xénero e en contra de calquera regresión na conceptualización e definición da violencia de xénero. No concreto, os puntos foron:

  • En materia de violencia machista, o Senado defende as liñas e medidas establecidas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, cuxa renovación foi subscrita o 25 de novembro de 2021 polas formacións políticas con representación no Congreso e no Senado, ratificado polas CC.AA, e entidades locais representadas na FEMP, sindicatos, asociacións e o ámbito xudicial, para facelo permanente e blindar as súas medidas e o seu financiamento. 
  • O Senado posiciónase en contra de calquera regresión na conceptualización e definición da violencia de xénero establecida no marco normativo estatal e de CC.AA, nas definicións da ONU e outras normativas internacionais, que a definen como a violencia que se exerce sobre as mulleres polo feito de ser mulleres.
  • O Senado expresa o seu rexeitamento ante os discursos negacionistas e banalizadores da violencia machista, así como a súa preocupación ante os retrocesos en dereitos que está a impulsar a dereita en diversas institucións do Estado (CC.AA, concellos).

A moción, coa emenda introducida polo BNG, foi apoiada pola unanimidade da cámara, a excepción da ultradereita representada por VOX. “O BNG seguirá en pé loitando e traballando para acabar cun sistema patriarcal que nos oprime. Debémosllo a todas as que nos precederon e as que están por chegar. Mais debémosllo, sobre todo, a todas as miles de mulleres asasinadas” afirma da Silva.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG