Senado

Carme da Silva defenderá a inclusión dos criterios específicos da Galiza na reforma do sistema de financiamento autonómico

Carme da Silva
Carme da Silva

A senadora do BNG realizará unha pregunta oral ao Goberno do Estado, durante a sesión de control da vindeira semana, para coñecer a disposición do executivo a introducilos

A organización nacionalista entende que esta lexislatura será chave para a reforma do actual sistema de financiamento

A senadora do BNG, Carme da Silva, preguntará ao Goberno do Estado na vindeira sesión de control da cámara alta, o próximo martes, 19 de decembro. No concreto, da Silva quere coñecer a disposición do Goberno para ter en conta os criterios específicos de Galiza, que encarecen os seus servizos públicos, na proposta de reforma do sistema de financiamento autonómico. En opinión da senadora nacionalista, esta lexislatura será chave para reformar o actual sistema de financiamento e “Galiza non pode saír prexudicada”.

Durante a vindeira sesión de control ao executivo español, a senadora do BNG realizará unha pregunta para coñecer a disposición do Goberno para introducir os criterios específicos da Galiza no novo sistema de financiamento. Na actualidade, explica a senadora nacionalista, Galiza e os concellos galegos son especial e historicamente discriminados co modelo de financiamento.

O modelo de financiamento actual “escapa de realidades como a galega, cun modelo de asentamento en que a poboación rural ten moito peso, e non ten en conta as características propias de cada territorio”. En opinión de da Silva, non se está a garantir o dereito a ter os mesmos servizos, as mesmas infraestruturas, etc.

“É necesario un modelo adaptado que teña en conta os criterios de envellecemento da poboación, de dispersión de poboación, emigración ou cambio climático para percibir os recursos que se precisan para costear os servizos públicos” defende. Galiza, especifica, está “por debaixo en financiamento”, anos de déficit histórico “que é de xustiza compensar”.

A lexislatura chave para a reforma do sistema de financiamento

Como xa sinalara en intervencións anteriores, Carme da Silva defende que o actual sistema de financiamento “é un modelo caduco, obsoleto e inxusto” e entende que esta é unha lexislatura chave para reformalo. Neste sentido, a senadora defenderá “que Galiza non saia prexudicada coa nova reforma do sistema de financiamento” e se teñan en conta as características propias da Galiza.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG