Senado

Carme da Silva defende un “sistema de financiamento xusto para a Galiza” frente á “aspiradora de recursos” de Madrid

Carme da Silva
Carme da Silva

O actual marco está a prexudicar á Galiza non asegurando a capacidade económica suficiente para costear os servizos básicos, incide a senadora do BNG, Carme da Silva

Montero mostra a vontade do Goberno de chegar a un acordo para a nova reforma incrementando variábeis, defendidas polo BNG, como o envellecemento

Frente a un sistema “caduco, opaco e obsoleto que non responde ás necesidade da Galiza”, o BNG defende camiñar cara a autonomía fiscal e financeira

A senadora por Galiza, Carme da Silva, dirixiuse na sesión de control do Senado á Vicepresidenta Cuarta e Ministra de Fancenda, para lle demandar a incorporación dos criterios específicos da Galiza na reforma do sistema de financiamento autonómico. Entre estes criterios, da Silva destaca a necesidade de aumentar os coeficientes en variábeis como o envellecemento e a dispersión poboacional, e introducir novas tales como a emigración, as características xeográficas, ambientais e sociolingüísticas.

Se o principal obxectivo do sistema de financiamento “é garantir o sostemento dos servizos públicos de competencia autonómica” para a Galiza “é unha prioridade abordar canto antes a modificación dun sistema que o está a prexudicar”. Segundo explicou a senadora do BNG, o actual marco “non asegura a capacidade económica para costear servizos básicos como a sanidade, a educación ou a dependencia”.

Un sistema, o actual, “caduco e obsoleto, opaco e que non responde ás necesidades da Galiza” que obedece a unha óptica centralista que beneficia “a Madrid, unha aspiradora de recursos”.

Financiamento autonómico xusto para que a Galiza non saia prexudicada

“Defendemos aumentar a recadación e que os fondos cedidos por IVE e o IRPF pasen de 50% a 90%. Cambios tamén deben existir nos criterios de distribución por poboación axustada: debe incrementarse a ponderación de envellecemento –de 8,15% a 4,2%- porque, de non facelo, encarecen os servizos na Galiza” apunta.

Neste sentido, continúa da Silva, tamén é preciso aumentar o coeficiente da dispersión poboacional, de 0,6% a 4,2%, así como incluír outras variábeis como a emigración, as características xeográficas, ambientais –como os quilómetros de costa- ou o feito de ter lingua propia.

Así mesmo, o Goberno do Estado debe ceder o imposto de sociedades para que tributen na Galiza as empresas que desenvolven a súa actividade produtiva –exemplo das enerxéticas como ENDESA, Naturgy ou Iberdrola- e impulsar un modelo fiscal “máis xusto e progresivo”, así como unha fiscalidade ambiental.

Camiñar cara a autonomía fiscal e financeira

“O BNG aspira a acadar para a Galiza un modelo de concerto económico, semellante ao que posúe Euskadi ou Navarra a día de hoxe. Mentres isto non suceda, debemos avanzar na autonomía fiscal e financeira, así como no autogoberno” reivindica Carme da Silva en referencia ao acordo alternativo formulado pola organización nacionalista. En opinión de da Silva, a autonomía fiscal debe considerarse do punto de vista dos gastos mais tamén dos ingresos. “O que nos parece desexábel no futuro non pode impedir que avancemos no que é posíbel no presente” afirma da Silva.

Compensación análoga da débeda galega

Por outra parte, a senadora nacionalista lembro que no acordo de investidura asinado co BNG contemplaba que calquera condonación, parcial ou total, da débeda a algunha autonomía que se acoller ao FLA, correspondería aplicar medidas análogas de compensación á Galiza, onde o PP optou polo endebedamento privado. Neste sentido, a Vicepresidenta constatou que, co compromiso arrincado polo BNG, o Goberno do Estado está a traballar na fórmula para a quita da débeda autonómica.

Resposta da Vicepresidenta Cuarta

Segundo explicou María Jesús Montero, por parte do Goberno do Estado existe a vontade de chegar a un acordo para o novo sistema de financiamento autonómico. Un modelo que permita “introducir variábeis máis xustas e outras que se teñen que modificar, como o caso do envellecemento”. Así mesmo, comprométese a traballar para que a reforma “garanta uns servizos públicos de calidade, viva onde viva a cidadanía”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG