Carme da Silva comprométese a levar o Río Miño como prioridade na axenda política no Congreso

Acto Tui
Acto Tui

A cabeza de lista do BNG afirma que reclamará competencias para desenvolver o potencial do territorio da ‘raia’

Subliñou a necesidade dun ferrocarril de altas prestacións que una o Sur de Galiza co norte de Portugal e un tren de proximidade que dea servizo a toda a comarca

“O Miño é algo máis que un río. É un símbolo nacional do noso país, da unión e das comunicacións entre Galiza e Portugal, e para nós ten esa transcendencia e importancia”. Así o manifestou hoxe en Tui a cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, quen subliñou o compromiso do BNG para despois do 10N poñer en valor como “prioridade” na axenda política do Estado español todo o que ten que ver co Miño e a súa recuperación, coas comunicacións, e coas infraestruturas que realmente dean servizo ás necesidades que ten a comarca de Baixo Miño e o sur da provincia co fin de aproveitar as súas potencialidades.

Segundo dixo Da Silva, o BNG vai reclamar competencias propias para Galiza en materias como Medio Ambiente, Fomento ou comunicacións para poder realmente aproveitar todo o potencial e valor que do territorio da raia a nivel económico, turístico, paisaxístico, e ambiental.

A nacionalista destacou que o Río Miño converteuse “nun atranco” pola responsabilidade das administracións que teñen competencia sobre el e a súa contorna, xa que o Estado español non ten entre as súas prioridades nin a recuperación da contorna fluvial, nin a recuperación da súa capacidade como polo de atracción para toda a comarca.

A cabeza de lista do BNG afeou ao Estado que, en xeral, as relacións entre Galiza e Portugal non son tidas en conta. Como exemplo puxo a mobilidade, sinalando que a prioridade do Goberno central é a comunicación Madrid-Lisboa mentres esquece “que a nosa comunicación, a dos galegos e galegas, é Galiza-Norte de Portugal”.

Para o BNG, dixo Da Silva, o ferrocarril debe ser fundamental no desenvolvemento desas relacións luso-galaicas, dispoñendo dunha saída de tren de altas prestacións cara ao sur, unindo a área de Vigo e pasando polo Baixo Miño e o Norte de Portugal. Tamén salientou a importancia de que exista un auténtico tren de proximidade en toda a área sur galega con conexión co país veciño.

“As sociedades demandan máis a relación entre distintos estados. A nosa relación con Portugal é moito máis ca iso, porque temos lingua e cultura común, temos relacións que nos unen e que nunca nos separaron e non pode ser que o Estado español estea tan lonxe na toma de prioridades ao respecto das cousas que nos afectan aquí, e fagan que a existencia da fronteira supoña un problema, cando a situación tiña que ser unha grande vantaxe para que toda esta área de Galiza e o Norte de Portugal aproveitasen toda a súa potencialidade”, insistiu.

Da Silva tamén se referiu ao problema da alga que está a aparecer no Miño e subliñou que é unha mostra do que acontece cando nun mesmo espazo hai competencias cruzadas , compartidas e responsabilidades distintas. “Uns polos outros e a casa sen varrer”, dixo. “Non está a facer nada o Estado español e é un río no que ten competencias, e a Xunta tampouco o está a facer nin esixindo que se faga”, indicou, para destacar que a partir do 10 de novembro o BNG esixirá no Congreso que se solucione o problema ambiental. “E a partir do vindeiro ano o BNG terá tamén responsabilidades no goberno da Xunta que farán que se actúe con responsabilidade e competencias no Miño”, engadiu.

Da Silva realizou estas declaracións en Tui, á beira do Miño na fronteira con Portugal, acompañada das alcaldesas de Tomiño Sandra González Álvarez, e do Rosal Ánxela Fernández Callís; así como do deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, o portavoz de A Guarda Anxo Baz, a concelleira Beatriz Lomba e o concelleiro de Tui Xosé Martínez Tato.

Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, sinalou a diferencia no tratamento do río do lado portugués e do lado galego. “Iso é algo que a veciñanza ve e que nós como BNG non imos consentir. Precisamos que o Miño estea tanto na axenda política da Xunta como do Goberno do Estado, sobre todo deste último por ser un río internacional”, subliñou, afirmando que se o BNG está en Madrid a partir do 10N, o “río Miño tamén vai estar na axenda do Goberno e onde se debaten as grandes decisións”.


 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG