Senado

Carme Da Silva chama o Goberno a “non ser cómplice” do “meteorito” Altri e o descarte para a percepción das axudas do PERTE

Carme da Silva
Carme da Silva

“Non vale poñerse de perfil. A sociedade galega quere unha resposta clara e contundente” afirma a senadora do BNG

Da Silva a Hereu: “O Goberno no pode aceptar que unha máquina de espolio de recursos e de desfeita ambiental se sufrague con diñeiro público”

A senadora do BNG, Carme da Silva, solicita ao Goberno do Estado “non ser cómplice do meteorito que esnaquizará todo ao seu redor” e descarten o proxecto de Altri para a percepción das axudas dos fondos europeos do PERTE de descarbonización. O BNG entende que a sociedade galega, o sector primario e mesmo os concellos afectados por este proxecto -que teñen diferente cor política- queren unha resposta clara do executivo e rexeitan que se impoña unha “macro fábrica falsamente disfrazada de verde”.

Durante a sesión de control na cámara alta, o BNG preguntou ao Ministro de Industria e Turismo sobre as previsións do Goberno de incluír, ou non, o proxecto de Altri nas axudas do PERTE de descarbonización industrial. Pola súa parte, o Ministro deixou entrever que o Goberno será “escrupuloso no cumprimento da normativa ambiental” e que calquera proxecto “deberá cumprir o principio de non causar dano significativo ao ambiente”.

“O Goberno non pode aceptar a pesar de que algúns -tal e como sinalou o propio Ministro na súa contestación- digan que o teñen que aceptar sexa como sexa” apunta a senadora do BNG. Para da Silva, o Partido Popular de Feixóo e Rueda xa coñecía este proxecto en 2021 e a grave afectación que suporía mais que “ocultaron deliberadamente”

A sociedade galega merece unha resposta contundente

A senadora do BNG sinalou que agardaba unha resposta “máis contundente” por parte do Goberno do Estado e xa lle adiantou ao Ministro de Industria que o actual proxecto que formula a empresa lusa “incumpre todos os criterios estabelecidos para a percepción dos fondos europeos do PERTE de descarbonización”.

Carme da Silva entende que “non vale poñerse de perfil” e anima o executivo “a non ser cómplices do Prestige interior” negándolle a percepción de axudas públicas, tal e como están a solicitar. A sociedade galega, o sector primario, os concellos queren unha resposta clara, avanzou da Silva, lembrando como os dirixentes de Altri “saíron escorrentados de Palas de Rei, Monterroso e Melide” pola negativa da veciñanza a que esta macrocelulosa se instale no “corazón da Galiza”.

A realidade fronte a propaganda e a manipulación dos “socios” Altri-Xunta

Durante a pregunta do BNG, a senadora Carme da Silva informou ao Ministro de Industria e Turismo sobre o que suporá a implantación deste proxecto “ocupando unha superficie de 360 hectáreas”, 10 veces máis do que ocupa a actual pasteira de ENCE na Ría de Pontevedra que impuxeron nos anos 60. “Necesitará captar máis de 16 millóns de metros cúbicos de auga ao ano -46.000 ao día- que é máis do que consome Vigo” subliñou da Silva.

Do mesmo xeito, “o proxecto verterá ao río Ulla o 70% da auga despois de sometela a procesos industriais contaminantes”, alertou da Silva, que mesmo sinalou que a auga empregada se devolverá ao río cunha variación de tres graos. “Chegaron a afirmar que a auga se devolvería ao río en mellores condicións” ironizou.

“Necesitará 2 millóns de toneladas de eucalipto para producir pasta de celulosa destinada á exportación, sobre todo a China. Unha máquina de espolio de recursos e de desfeita ambiental que pretenden que se financie con diñeiro público” denuncia a senadora do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG