A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, subiu hoxe á tribuna do Congreso a deixar claro a rotunda oposición do BNG ao envío de tropas ao Iraque.
O Ministro de Defensa, Pedro Morenés, compareceu este mediodía no Pleno para pedir apoio á solicitude de autorización parlamentar para enviar 300 militares ao Iraque para a participación de Unidades Militares Españolas no marco da coalición para a loita contra o Estado Islámico, coalición liderada por EE.UU. Unha misión que se vai desplegar a finais deste ano no sur do Iraque para formar ao Exército iraquí e que terá un custe de 35 millóns de euros.
Rosana Pérez lembrou que hai 11 anos da guerra contra Iraque, que infaustamente foi protagonizada polo Goberno español e baixo o mandato do infausto Presidente Aznar. Denunciou que foi unha operación baseada nunha farsa porque nunca se atoparon armas de destrución masiva, non tivo o respaldo da ONU, tivo unha forte contestación social, morreron miles de iraquís e se pagou un alto prezo.
A deputada do BNG afirmou que daquelo podemos extraer tres consecuencias do Goberno do PP e do ex gobernante Aznar: Un estado fallido. Creouse unha situación de guerra e de inestabilidade da zona, e se produciu un importante avanzo yihadista, do que viñan alertando numerosos analistas internacionais.
As tropas que van enviar formarán parte dunha coalición que vai combater
Censurou a parlamentar nacionalista as palabras pronunciadas polo Ministro de Defensa hai uns días cando dixo que un dos obxectivos do envío de tropas é dar ao Iraque unha estrutura de estado e garantir a seguridade. Rosana Pérez cualificou estas palabras de broma de mal gusto vistos os antecedentes da guerra do 2003, que foi a que destruiu a todas as estruturas do país.
Ademáis, advertiu sobre a ambiguedade doutras palabras de Morenés ao dicer que o Goberno enviará 300 soldados e contribuirá a facer aquelo no que se considere máis eficaz como o adestramento das forzas iraquís. Rosana Pérez amosou as dúbidas do BNG ao respeito porque é unha operación dunha coalición que vai usar a forza. As tropas que van enviar formarán parte dunha coalición que si vai combater.
Deixou claro que o BNG condena enerxicamente calquer acción terrorista e rexeita o papel de xendarme internacional de EE.UU e dos seus adláteres, que sempre actúan na defensa dos seus propios intereses e non en beneficio dos pobos. Asemade, aclarou que moitas das actuacións levadas a cabo no Iraque son responsábeis de facer avanzar a grupos islamistas.
Criticou que se abandone ao pobo kurdo en medio de todo isto. Rosana Pérez reprochou a hipocresía da política internacional sobre o Iraque onde non existe soberanía do pobo sobre os seus recursos que son controlados por multinacionais. Expresou un rotundo non á guerra e defendeu o dereito dos pobos como o kurdo e o iraquí á autodeterminación.