A deputada do BNG, Carme Aira, a través dunha pregunta parlamentaria, urxiu ao goberno dotar de traída de augas e saneamento as parroquias de Santo Estevo do mato e San Vicente e Santiago de Castillón, no concello de Pantón.
A parlamentaria explicou que garantir o subministro de auga á poboación e fornecer o saneamento dos núcleos é unha competencia municipal e lembrou que a Xunta de Galiza anunciou numerosos convenios e inxección de fondos públicos para as traídas e saneamentos en moitos concellos, a través de Augas de Galiza.
Neste sentido, preguntou á titular deste organismo, Teresa Gutiérrez polas previsión para a dotación de traídas nas parroquias de Santo Estevo do Mato, San Vicente e Santiago de Castillón no concello de Pantón con “grandes problemas para conseguir auga potable para as persoas e os seus animais” ao que sumou un verán de seca que evidenciou a inviabilidade dos mananciais, circunstancia que motivou a defensa dunha moción do BNG, aprobada por unanimidade no concello de Pantón, sobre o proxecto e execución para a traída de auga e as bases para un futuro saneamento.
No mes de xullo do mesmo ano, engadiu a deputada, o BNG presentaba outra moción sobre un plan de desenvolvemento de redes de saneamento e traída de augas municipal, co establecemento dun cronograma de actuacións por territorios que non só melloraría a vida da veciñanza senón que tamén protexería as augas termais do concello, “patrimonio de altísimo valor histórico, natural e fonte de riqueza” que contribúe á dinamización turística e económica do concello polo que volveu a preguntar se a Xunta, a través de Augas de Galiza, ten previsto resolver a falta de auga corrente potable e en que prazos”.
Augas de Galiza confirma ao BNG un prazo de seis para a execución das obras
Pola súa parte, a Directora Xeral de Augas de Galiza, Teresa Guitiérrez confirmou que as obras da traída de auga para as parroquias mencionadas pola deputada do BNG, serán iniciadas neste mesmo ano e cun prazo de execución de seis meses e cunha previsión de remate no ano 2023. Carme Aira celebrou a resposta de Gutiérrez e afirmou que no medio rural “son moitas e grandes as dificultades para acadar un nivel de salubridade adecuada” polo que resulta urxente dotar estas parroquias de servizo de auga potable. A deputada do BNG reiterou que no concello de Pantón urxe a depuración das augas polo seu enclave na Ribeira Sacra pero sobre todo para dar “unha resposta ás persoas afectadas” e amosou a súa confianza no cumprimento do anuncio da directora de Augas de Galiza.
Carme Aira insistiu na necesidade dunha verdadeira colaboración entre as diferentes administracións para que a cidadanía “non viva en precario” como acontece nestas parroquias do concello de Pantón por carecer de auga potable e servizos adecuados. “No nome da veciñanza desas tres parroquias, dende o BNG urximos ao goberno a iniciar as obras sen dilación”, concluíu.